Diario de corentena: o caso de Suso, repartidor de peixe no rural e músico

O confinamento e o parón produtivo tamén lle afectou duramente a Jesús López, veciño de Bazal, en Pantón. Aínda que o seu traballo está incluído no sector da alimentación decidiu parar, e coméntanos que outra das súas fontes de ingresos, a música, tamén se viu prexudicada.

Furgoneta de reparto de Suso. Foto: Jesús López

Jesús López, ‘Suso’ para os amigos, é repartidor de peixe de martes a venres e músico as fins de semana e os festivos. Como moitos de nós, leva o confinamento con resignación, ou como me di a min “con paciencia e un pouco de optimismo”, pero a verdade é que a situación actual estalle prexudicando as dúas actividades profesionais ás que se dedica, o reparto de peixe polas aldeas e as súas actuacións co ‘Dúo Paradaisse’.

Tiña oído falar del por amigos en común e xa me anticiparon que era unha boa persoa, moi traballador, humilde e un gran músico e animador de festas e verbenas. Polo que puiden falar con el, creo que a descrición adáptase á realidade.

Que é moi traballador xa me queda claro cando me explica os percorridos que fai de martes a venres para repartir peixe en concellos do sur de Lugo pero tamén nalgúns do norte de Ourense. Vive en Bazal, no Concello de Pantón, e os días de reparto ten que baixar a San Cibrao das Viñas -Ourense- para mercar o peixe que chega de Vigo. Ás 8:00 h., coa furgoneta cargada, empeza as súas rutas que o levan, pola parte de Ourense ata o concello de Montederramo, e pola parte de Lugo ata parroquias de Monforte, Sober e Pantón. Dime que na ruta máis longa fará uns 160 quilómetros, e segundo vaia o reparto cara as 16:00 da tarde dá por rematada a xornada.

Leva repartindo o peixe pola súa conta dende o 2015 pero antes, como asalariado dunha empresa, xa abrira esas rutas 6 anos antes. Once anos que deben dar para moito, para coñecer ben os camiños, aos clientes… E así o confirma Suso que di ter as rutas moi controladas e moi bos clientes e clientas. Pregúntolle como fai para calcular o peixe de cada día e non quedarse curto e dime que “sempre peco de levar de máis e se alguén pide do que non hai colle doutro, a xente é moi fácil de conformar”.

“teño ata o teléfono de moitos deles, e se me retraso chámoos para avisalos…”

O trato que ten cos seus clientes nas aldeas di que é excepcional, e proba da confianza que ten con eles dime, “teño ata o teléfono de moitos deles, e se me retraso chámoos para avisalos… e se me fan encargos para comidas ou festas busco o xeito de levarllos aínda que sexa fóra do meu horario ou da miña ruta”.

“Eu tíveno claro dende o principio, prefiro parar aínda que perda, pola seguridade dos demais… o peixe pasa por moitas mans, nunca se sabe se podes contaxiar a alguén…”

Que é boa persoa xa se pode deducir do anterior, pero tamén porque segundo me explica, deixou de repartir o día 13 de marzo, antes do decreto de estado de alarma no que se ordenou o confinamento. Aínda que é un traballo que se pode encaixar no sector da alimentación, e entendo que considerado dos esenciais, di que parou porque o máis importante para el era a seguridade dos seus clientes e a súa propia. “Eu tíveno claro dende o principio, prefiro parar aínda que perda, pola seguridade dos demais… o peixe pasa por moitas mans, nunca se sabe se podes contaxiar a alguén…”, engade.

Neste punto pregúntolle como o tomou a xente á que lle repartía e dime, emocionado, “a xente chamoume a feito a primeira semana, chamábanme para saber porque non repartía e preguntándome se estaba ben”.

E coa furgoneta de reparto parada cóntame que coa crise do coronavirus tamén tivo que aparcar o outro vehículo de traballo, neste caso refírese ao furgón que emprega como escenario móbil para amenizar festas e verbenas co “Dúo Paradaisse”.

Foto promocional do “Dúo Paradaisse”.

“ten 14 anos de conservatorio e a súa traxectoria musical suma trinta e cinco anos actuando en orquestras máis uns seis agora co dúo”

Aquí chega a humildade de Suso, compaxina sen caerlle os aneis o traballo de peixeiro co de músico. Cóntame que ten 14 anos de conservatorio e a súa traxectoria musical suma trinta e cinco anos actuando en orquestras máis uns seis agora co dúo. Como se pode deducir, un profesional da música e un currante dos escenarios.

Seica ‘Paradaisse’ foi o nome dunha orquestra na que estaba Suso, e cando se desfixo o grupo quedou a cousa no “Dúo Paradaisse”, no que está el e Luz Divina, unha rapaza do Carballiño. Suso é o instrumentalista, confesa que o seu forte é o baixo e a guitarra eléctrica, pero tamén os teclados e voces cando cadra.

Jesús López, “Suso”. Foto cedida.

E velaquí temos a este autónomo, que compaxina perfectamente o traballo de peixeiro co de músico, peixeiro de martes a venres e músico as fins de semana e os festivos. Pero, como no caso comentado da actividade de reparto, a relativa á música tamén está agora parada. Suso díxome que o 2019 foi un ano forte de actuacións con moitas contratacións na contorna pero agora, co que está pasando nada de nada. “Os problemas son ata para ensaiar, cando e como quedas para facelo?”, dime.

“un día din quince días, outro un mes… creo que iremos ao medio do verán. Para pronto non é…”

Rematamos a conversa falando do futuro, intentando pronosticar para canto tempo teremos que estar así. Segundo Suso, “un día din quince días, outro un mes… creo que iremos ao medio do verán. Para pronto non é…”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here