HomeOpiniónDiario de corentena: Todo pola felicidade dos nenos

Diario de corentena: Todo pola felicidade dos nenos

O confinamento está sendo longo e duro, pero os máis pequenos da casa estannos dando unha lección de resistencia. Aplaudo dende aquí todas as iniciativas que se fan para facelos felices e para recompensalos polo bo comportamento. Vouvos detallar algunhas.

Publicado o

- Advertisement -

Semanas atrás, corpos e forzas de seguridade como a policía local eran noticia cando pensaron en felicitar os aniversarios aos pequenos/as da casa facendo soar as sereas dos seus vehículos e levándolles agasallos á porta das súas casas. Unha boa idea para facelos felices e sorprendelos na rutina do confinamento.

os traballadores de Protección Civil son xa como os ‘Reis fóra de tempada’

Outro colectivo que tamén está facendo moitas horas extras, e algunhas delas pensando nos cativos, é Protección Civil. Ademais das súas funcións xa coñecidas de reparto de máscaras, alimentos e medicinas para xente con necesidades especiais, tamén están dedicándolle tempo a eles. Hai concellos nos que, como no caso comentado da policía local, van polas casas felicitando aniversarios e levando agasallos. Un exemplo é o Concello de Sober, onde os traballadores de Protección Civil son xa como os ‘Reis fóra de tempada’. Ademais de levarlles máscaras ilustradas e agasallos aos pequenos, aparecen con outras sorpresas… Esta semana apareceron nunha casa da Airexa de Gundivós cun “Transformer”. Si, si, nada máis e nada menos que cun transformer. Aproveitando a felicitación dun aniversario, un veciño acompañounos co disfrace de “Transformer”, imaxinádevos a cara do rapaz.

Entrega de máscaras infantís en Sober. Foto: Prensa concello.

Teño máis exemplos. Este venres mesmo, os Axentes Ambientais do Distrito Forestal de Monforte tiveron un orixinal detalle cuns pequenos do barrio do Hospital. Despois de participar na caravana de sereas pola Ronda María Casas Baamonde achegáronse a un bloque de pisos no que había dous pequenos asomados cos seus pais e preguntáronlle os nomes. Acto seguido fixéronlle uns diplomas e mandáronos baixar acompañados dun maior da casa. O devandito diploma -en galego- outorgábase como recoñecemento “Por pasar o seu primeiro ‘Estado de Alarma’ polo Coronavirus na casa con bo comportamento e mantendo un sorriso”.  A satisfacción dos pequenos, maiúscula, e o primeiro que fixeron foi facerlle unha foto para enviarlle aos avós por whatsapp.

Diploma que entregan os Axentes Ambientais de Monforte

O devandito diploma -en galego- outorgábase como recoñecemento “Por pasar o seu primeiro ‘Estado de Alarma’ polo Coronavirus na casa con bo comportamento e mantendo un sorriso”.

E non queda aquí a cousa, tamén me acabo de enterar que en Quiroga a partir do vindeiro luns moveranse pola vila personaxes de debuxos animados como a Patrulla Canina, Miki Mouse ou os Minions. Axudarán a varredores e xardineiros e aledarán a vista aos pequenos e pequenas que se asomen a fiestras ou balcóns ou que lles coincida co paseo permitido. Velaquí que outro colectivo moi importante tamén -varredores e xardineiros- poñerán da súa parte para facerlles esta situación de confinamento un pouco máis levadeira.

O que faga falta pola felicidade dos nenos… ata pedirlles perdón publicamente por meter a zoca o outro día cando se rectificou dende o Goberno o tema dos paseos permitidos.

Feliz paseo cos nenos/as este domingo, outro gran e merecido agasallo.

ÚLTIMAS

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...

O Xeoparque programa unha actividade que inclúe sendeirismo, visitas guiadas e degustacións gastronómicas

Este sábado 23 de novembro está programada a terceira actividade do 'Ciclo Outono Xeolóxico'...

Comezan as obras para rematar o paseo fluvial entre a Ponte Nova e a Gardaría Municipal de Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este mércores un novo proxecto de...

Co remate do tramo Monforte-Ourense, Renfe recupera o Alvia Lugo-Madrid sen transbordos

Ata ese momento, a compañía prestou este servizo por estrada entre Ourense e Lugo...