Diario da desescalada: “Foron como unhas vacacións para nós”

Así describen Mabel e Carmen a sensación vivida estes meses mentres tiñan o negocio pechado por mor do coronavirus. Rexentan un restaurante e unha pequena piscifactoría a carón do río Sardiñeira, no Concello do Saviñao.

Mabel e Carmen do "Recreo", na Sardiñeira. Foto: XMF

Este pasado domingo saín da casa pola tarde. O de saír xa non é novidade ningunha, seino, pero para min foi o primeiro día que comía fóra da casa dende que se decretou o estado de alarma.

Quedei cun amigo para tomar algo tranquilos e falar, e deunos por ir ao Recreo, un restaurante moi familiar á beira do río Sardiñeira, no lugar de Vilaesteva, no Saviñao. Ten piscifactoría propia onde se poden mercar troitas e anguías pero tamén se poden pescar e comer alí. Ten comedor interior e tamén fóra nunha ampla zona de mesas á sombra das árbores e co murmurio do río de fondo. Un lugar ideal para comer ben, tranquilos e ao fresco.

O río Sardiñeira ao seu paso polo Recreo. Foto: XMF
Mesas de pedra para comer no exterior / XMF
Mesas de madeira que completan o comedor exterior / XMF

Sabiamos que estaba aberto e que o domingo non dan ceas pero con chegar alí para saudar ás caseiras, Carmen e Mabel -nai e filla-, e tomar algo tranquilos xa nos conformabamos. O caso foi que coas bebidas puxéronnos unha ración de xamón e despois trouxéronnos unhas troitas e unhas anguías ben acompañadas dunha ensalada de leituga da casa e pan de Escairón. Sinceramente non contabamos con comer porque non dan ceas o domingo e ademais estaban recollendo mesas e lavando louza do xantar, proba de que tiveron bastante xente. Aínda así, exerceron de galegas e acabaron traendo esas racións. Como din as normas non escritas do ‘xeito de ser galego’ tes que dicir que non fagan nada dúas veces polo menos para non parecer un aproveitado e un desvergoñado. Despois, libre a conciencia, entrégaste agradecido á proposición gastronómica. Eran case as oito da tarde e sen fame, a priori, comemos o que nos puxeron. Prestounos, a verdade, e non deixamos nada pois tampouco é cuestión de facer un desprezo nestes casos.

Como din as normas non escritas do ‘xeito de ser galego’ tes que dicir que non fagan nada dúas veces polo menos para non parecer un aproveitado e un desvergoñado

Falando con Mabel e Carmen, pregunteilles pola corentena. Dixéronme, “foron como unhas vacacións para nós, aproveitamos para comer xuntos a horas decentes, para pasear, descansar…”. Enténdese ben, a restauración é moi escrava e metidos na rutina de traballar case non hai tempo para compartir momentos nin para desconectar en familia. Pois ben, na corentena aproveitaron para dedicarse máis tempo, tempo de verdade, tempo de estar xuntos, pai, nai e filla. Iso si, tamén dedicaron algún a tarefas de mantemento para ter “o Recreo” a punto para a volta. Fixeron algunha reforma, pintaron, etc.

“foron como unhas vacacións para nós, aproveitamos para comer xuntos a horas decentes, para pasear, descansar…”

Como curiosidade, ao preguntarlles pola volta, pola reapertura, Mabel dime que aínda que estivo ben ter uns meses de parón xa tiña ganas de volver, e de socializar. “Gústame ter trato coa xente, falar, botar uns contos, rir…”, confesa. Carmen, engade, “ela quería traballar, é moi traballadora e xa lle faltaba algo” (risas). A diferenza da súa filla, Carmen, “a negra” como nos di en confianza que a alcuman algúns, dime que ela non tiña moitas ganas de volver. “Tiña tan boa vida antes, para min eran como unhas vacacións, unhas vacacións moi boas”, recoñece entre risas.

Mabel e Carmen nunha das mesas do exterior do restaurante ‘O Recreo’. Foto: XMF

En relación á reapertura, abriron o pasado 3 de xuño e están contentas polos clientes que viñeron xa estes días; “pensamos que ía haber menos, pero moi ben, nótase que a xente tiña ganas de saír e de vir tamén ao restaurante”, din. En canto ás medidas de seguridade sanitaria comentan que hai máis traballo para ter todo desinfectado e que a máscara é algo incómoda “pero ao final un afaise”, recoñece Carmen. Mabel conta que coa máscara “parece que non se lle escoita ben aos clientes” e di tamén que “queren ver a desinfección á vista”, referíndose neste caso a que o cliente quere ver como se limpa e desinfecta no momento, aínda que mesas e cadeiras estean desinfectadas, se non o ven semella que non se fían. “Nótase algo de recelo… e tamén é normal”, remata a nosa interlocutora.

Mabel traballando coa máscara. Foto: XMF

Eran xa case as 22:00 h., foi a miña primeira comida fóra da casa dende mediados de marzo e pedín a conta… como era de esperar houbo conflito. Nada grave, pero deuse un clásico galego que xa sabedes como vai. O caso é que xa quedamos para volver outro día, para repetir troitas e anguías ou quizais para mandarlle un churrasco. Xa se  verá…

Cartel indicador nun cruce da estrada que comunica Escairón con Currelos. Foto: XMF

[ Esta peza forma parte dun ‘Diario de corentena’  —agora Diario de desescalada— que se ha ir escribindo dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos ]

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here