InicioOpiniónOPINIÓN: "A vida fóra do mapa"

OPINIÓN: “A vida fóra do mapa”

Reflexións sobre un problema mundial, a demografía.

Publicado o

POR
C. Rodríguez Díaz
- Advertisement -

Que apodreza a raíz do poder que non che deu de comer

Olga Novo

A COVID19 fixo desaparecer da axenda mediática todos os problemas que até o mes de marzo ocupaban as portadas dos medios de comunicación. Pero a triste realidade é que non por iso os problemas deixan de existir e con seguridade a maior parte deles seguirá agrandándose  por non prestarlle a atención debida.

Un destes problemas, quizais un dos maiores, é a demografía, xa que a escasa densidade de poboación é o síntoma máis evidente dunha crise estrutural que vén de décadas atrás e que ameaza con facer inviábel, tanto social, como económica e medioambientalmente, grande parte do territorio do noso país.

“Existe unha íntima relación entre a pandemia e a alteración dos ecosistemas, e, polo tanto, unha conexión entre o abandono e o despoboamento…”

Na situación actual, no contexto da pandemia da COVID19, debemos decidir se esperar a que todo isto pase ou se é precisamente agora cando máis necesario é abordar esta problemática, porque existe unha clara relación entre ambas crises -a demográfica e a pandemia-, porque, como afirmou recentemente nunha entrevista Fernando Valladares, investigador do CSIC, existe unha íntima relación entre a pandemia e a alteración dos ecosistemas, e, polo tanto, unha conexión entre o abandono e o despoboamento e algunhas das cousas que nos están a pasar, e que  aínda nos volverán pasar se non pomos remedio.

Por iso, desde o convencemento de que a situación é moi grave, a conclusión de que o demais debe esperar é errónea; é o momento de actuar e mudar de forma substantiva as estruturas sociais e económicas que sexan precisas para -mentres afrontamos a pandemia coa axuda da ciencia- establecer un novo escenario que evite ou minimice novas crises coma esta.

Cómpre ter en conta que a crise demográfica non é consecuencia dunha minguante poboación mundial, ao contrario, o crecemento poboacional no período de 1950-2000 foi de aproximadamente o 141%, segundo os datos da Wikipedia, e desde o ano 2000 pasamos de 31 millóns de persoas a case 42 millóns, e as previsións son de que siga en aumento. Por iso un dos obxectivos debe ser o establecemento de políticas, a nivel mundial, que contribúan a un equilibrio demográfico saudábel, acompañado dunha prosperidade económica que garanta que todos os seres humanos -nazan onde nazan- teñan unha vida digna.

A solución debe ser global, pero partindo da suma de vontades locais, e aquí é onde é preciso comezar a esixir políticas fiscais diferenciadas que sexan a un tempo redistributivas e equilibradoras para que os territorios con demografía decrecente sexan beneficiados.

Son precisas, ademais, novas forma de conectividade, comunicacións e mobilidade sustentábeis que permitan a vida nestes lugares que se están a abandonar; políticas urbanísticas e de vivenda favorecedoras do reequilibrio territorial, que doten de servizos básicos a estas zonas e un marco legal estábel que permita que estás políticas se manteñan no tempo, a salvo de vaivéns electorais e populismos curtopracistas. Non se trata de volver ao pasado, nin de procurar a Arcadia, senón de utilizar toda a tecnoloxía e o coñecemento que posuímos para facer compatíbel unha vida digna para todos os seres que habitan a terra, respectuosa co ecosistema, e, por suposto, para nós, os seres humanos.

“Son precisas, ademais, novas forma de conectividade, comunicacións e mobilidade sustentábeis que permitan a vida nestes lugares que se están a abandonar”

O momento é precisamente agora que se está a facer un grande investimento público e que cómpre orientalo cara este obxectivo, e non repetir os mesmos esquemas de gasto que nos trouxeron até aquí e que contribúen, como xa se ten demostrado, a un desequilibrio da riqueza e da natureza que fan a vida inviábel. É fácil, se temos vontade de facelo; é posíbel; é real e está máis próximo do que nos queren facer crer.

É preciso un amplo acordo institucional que implique as administracións (locais e supralocais, mesmo supranacionais) e á sociedade civil (nas súas múltiples formas asociativas e á maioría dos seus individuos) para facermos posíbel este proxecto, que nos redima dos erros do pasado, que agora podemos ver con clareza; que nos axude a recuperar os espazos perdidos, as xeografías ocultas, que non quedemos en terra de ninguén, parafraseando os capítulos do libro Fóra do mapa, de Alastair Bonnet -cuxa lectura en edición galega, da editorial Rinoceronte, queda recomendada-. En definitiva, que a vida non quede fóra do mapa.

Estamos a tempo, fagámolo.

ÚLTIMAS

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...