InicioOpiniónRibeira de San Fiz, un desastre patrimonial no corazón da Ribeira Sacra

Ribeira de San Fiz, un desastre patrimonial no corazón da Ribeira Sacra

Precisa realmente a ribeira de San Fiz unha ordenación? O que podemos observar é unha ribeira ordenada desde que se recorda, que chegou a ter moitas máis hectáreas en produción das que existen na actualidade; unha ribeira con pequenos e grandes produtores que elaboran viño co seu esforzo, tanto para consumo doméstico como para venta; e, por último, unha parte da ribeira, con localización específica, que é visible e facilmente accesible, colonizada por «usuarios» que «exixen actualizar as necesidades das novas construcións», como di literalmente o “Plan”.

Publicado o

POR
Xavier Viana Álvarez
- Advertisement -

Fai uns días baixei ata As Ouvenzas, paraxe con vistas privilexiadas á parte orientada cara o sur da ribeira de San Fiz en Chantada. O camiño de baixada dende Fondo de Vila, na parroquia de San Pedro de Líncora, é pronunciado e transcorre entre ribeiras traballadas e outras cubertas total ou parcialmente de vexetación. Neste punto exacto, coa auga do río Asma batendo nas penedas a modo de banda sonora, pódese observar a marabillosa integración das muras na paisaxe, efecto do vínculo espiritual das persoas coa terra que traballan.

Cada vez que recibo algunha visita en Chantada vou con eles ata este fermoso lugar. E non son o único. A xente transita de forma recorrente este sendeiro que une as aldeas de Tarrío e Os Queixeiros, ben a pé, por lecer, ou ben en coche, porque van traballar á súa ribeira.

Tiven a fortuna de encontrar a Manuel na poda: «o problema é que xa non hai quen traballe a viña». Un pouco mais adiante, despois de atravesar a estrada que vai cara Monforte, está a famosa Adega Amedo. Alí fun bater con Lorena, que coincide nesta mesma idea: «hai menos ribeiras que se traballan, así que se foron abandonando as que menos valían». Precisamente a súa adega ten o nome da aldea de Amedo, á que se pode chegar subindo por unha empinada pista para encontrala deshabitada. Deshabitada desde o ano 2006.

Exemplo do concepto de especulación

Na explanada de Adegas Amedo temos dúas direccións posibles para continuar co itinerario. Ou ben subir por Costoira para andar entre soutos, carballeiras e praderías a media legua que nos separa da vila de Chantada; ou ben, en sentido oposto, internarnos nas ribeiras para descubrir a evidencia máis próxima que temos na comarca do concepto de especulación.

ribeira de San Fiz / Xavier Viana

Atraído pola curiosidade avanzo en sentido oposto e vexo a María, coa súa cámara, tirando unhas fotos panorámicas: «estou alucinando. Nunca estivera aquí e isto parece unha urbanización en lugar dunha ribeira». Un home que estaba atando as súas vides entra na conversa: «aquí houbo moito espabilado. Levantaron todas esas trangalladas e no iuntamiento nadie lles dixo nada».

Refírense a esa acumulación de recentes construcións que se apropiaron do territorio con amplas balconadas; construcións que substituíron cepas por cemento; construcións que aparentan sociedades gastronómicas urbanas; e construcións cunha división horizontal que nalgúns casos incorporan cuartos para durmir perfectamente amoblados. Todas elas nas proximidades da Granxa (onde se sitúa a magnífica adega Os Cipreses). É curioso como este tipo de construcións disfuncionais van desaparecendo canto mais se aparta un da estrada principal.

Asáltanme varias preguntas, e esta é a parte que máis me gusta: non o que sei, se non todo canto ignoro. Que motivación levou a este pequeno grupo de propietarios para facer isto? Por que e quen permitiu esta barbaridade patrimonial? É o despoboamento causa ou consecuencia deste asalto impune á ribeira de San Fiz? Pretenden realmente crear un produto turístico dun entorno desvalorizado que é vítima do capitalismo urbano máis devastador? Como fomos capaces de cosificar ribeira por encima da memoria individual e comunitaria? En que momento chegamos a pensar que se podía destruír e alterar o medio como un dereito? para a nosa diversión ou beneficio, ou simplemente por puro capricho.

Uns pasos máis adiante decido determe nun deses miradoiros artificiais. A imaxe do canón é prodixiosa, pero o ruído incesante dos coches e camións que circulan pola estrada non invitan ao sosego que se presupón a un lugar con tanta intensidade visual. Recupero a marcha e decido visitar, antes de encamiñarme cara a igrexa vella de Pesqueiras, a desaparecida ribeira do meu avó Francisco, que no 1984 foi expropiada e logo arrasada pola maquinaria pesada que desmontou o terreo para abrir paso á nova ponte sobre o rio Miño.

Precisa realmente a ribeira de San Fiz unha ordenación?

Mentres camiño penso no “Plan de Ordenación do medio físico de San Fiz de Asma” promovido pola Xunta de Galicia, que lin con detemento durante o Nadal. Como é posible? Como é posible que falen da ribeira de San Fiz como «merecedora dunha ordenación detallada pola súa singularidade e características especiais»?

Acaso non son merecedores tamén de inversións e melloras os conxuntos etnolóxicos e as infraestruturas que permiten o acceso ás ribeiras de SoutoGaroña ou Albarduxe, entre outras, en Nogueira? ou ás ribeiras d ́A Sariña? ou ás ribeiras de Belesar? ou ás ribeiras de Sabadelle? ou ás de Pedrafita? ou ás de Sobrecedo? que teñen todas elas, indubidablemente, tanto valor cultural e natural como a ribeira de San Fiz.

Pero, precisa realmente a ribeira de San Fiz unha ordenación? O que podemos observar é unha ribeira ordenada desde que se recorda, que chegou a ter moitas máis hectáreas en produción das que existen na actualidade; unha ribeira con pequenos e grandes produtores que elaboran viño co seu esforzo, tanto para consumo doméstico como para venta; e, por último, unha parte da ribeira, con localización específica, que é visible e facilmente accesible, colonizada por «usuarios» que «exixen actualizar as necesidades das novas construcións», como di literalmente o “Plan”.

Así, o “Plan” para a ribeira de San Fiz parece, e non se oculta no documento escrito, unha simple artimaña para regularizar e revalorizar estes chalés-bodega. O “Plan” só se pode entender como un instrumento para lexitimar esta recente e fachendosa moda construtiva. É como un desprezo para as persoas que traballan tradicionalmente a viña en toda a zona respectando o medio.

Finalmente, entre pensamento e pensamento botouse a noite. Tiven que dar por concluído o paseo cando estaba en Fondo de Vila, neste caso da parroquia de Sabadelle. Na entrada do sitio, precisamente, está a Adega Sabatelius, claro exemplo de integración da arquitectura contemporánea nunha antiga adega de garda familiar. Mostra de que o respecto á tradición e a modernidade son compatibles con vontade, sensibilidade e coñecemento. Chamo á casa e agardo xunto da fonte que me veñan buscar. Sen chaleco nin foco sería perigoso facer o tramo restante a pé.

ÚLTIMAS

Fin de semana de Fam Trip na Ruta do Viño da Ribeira Sacra

A Ruta do Viño da Ribeira Sacra celebra do 24 ao 26 de maio...

O alcalde de Bóveda na creacion da Comisión de Políticas de Auga, Medio Ambiente e Economía Circular

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, participou recentemente en Madrid na reunión da...

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...