InicioOpiniónNosoutras: Facer Camiño en Corvelle

Nosoutras: Facer Camiño en Corvelle

OPINIÓN: Otilia viaxa ó pasado e relata que a olería foi, dende sempre, un campo feminizado, un espazo no que as mulleres levaban a voz cantante, pero que sempre precisaba da colaboración, xeralmente masculina, para a elaboración de pezas mais grandes e tarefas que requirían de maior forza física.

Publicado o

POR
Servizos Sociais Concello de Sober
- Advertisement -

Tomar a decisión de vivir e formar unha familia no mundo rural semella unha opción idílica para quen desexa rodearse de vexetación, respirar aire fresco e puro e contar con espazo para que as crianzas xoguen entre verdes lameiros e frondosas carballeiras, rozando non só co voo das bolboretas, senón coa liberdade absoluta. Abofé que é así. O que ás veces non se conta é a outra cara da moeda, aquilo ao que tamén temos que facer fronte cando, nacendo mulleres, escollemos un lugar afastado e pouco transitado para poñer en marcha unha nova etapa nas nosas vidas. Otilia Arias García apostou por un estilo de vida máis flexible, un entorno ideal para as ideas, para poñer en valor a sostibilidade, para escoitar os seus propios pensamentos e atopou en Corvelle, lonxe do seu Incio natal, un lugar onde florecer como persoa e como profesional.

A olería e a vida no rural

A olería, descrita por ela mesma como unha arte que adquiriu cando contaba con 42 anos, converteuse no seu principal modo de vida. A nosa protagonista adentrouse neste mundo motivada por Tomás, o seu marido e, despois de compartir tempo e aprendizaxe con Lula -unha das últimas oleiras de Campoverde-, foi quen de moldear o barro ao seu antollo, continuando coa tradición e coa cultura da nosa zona. Otilia viaxa ó pasado e relata que a olería foi, dende sempre, un campo feminizado, un espazo no que as mulleres levaban a voz cantante, pero que sempre precisaba da colaboración, xeralmente masculina, para a elaboración de pezas mais grandes e tarefas que requirían de maior forza física. Figulus, que así se chama o seu negocio, é xunto con Lucenza, a súa aodega de viño ecolóxico -feito sen lévedos artificiais nin sulfatos de síntese-, as dúas fontes económicas das que bebe. Unha realidade definida pola artista coma unha vida sen horarios, onde o reloxo parece deterse e adecuarse ás distintas funcións que o día a día nos vai propoñendo.

Pero lonxe dos beneficios que isto trae consigo, tamén se esconden outras peculiaridades ás que facer fronte dentro deste contexto, por exemplo, a falta de acceso aos servizos e ás dificultades á hora de desempeñar o seu papel como nai. Otilia cóntanos, con expresión de doce contundencia, que non foi doado conciliar a vida no rural, especialmente cando quería facilitar a participación das súas fillas e fillo en actividades e escenarios sociais e culturais. A aldea conta cunha escasa oferta comercial e de lecer, supoñendo ter que trasladarse a uns poucos quilómetros dentro do noso pobo, pero tamén a outros concellos limítrofes. Ademais, o escaso número de veciñas e veciños reduce as posibilidades de socialización, sendo necesario, en moitas ocasións, desprazarte a outros lares.

Levar a cabo tarefas tan sinxelas como mercar un bolo de pan ou tomar unha copa de viño cunha boa amiga poden converterse nunha ardua misión. Así pois, “se non dispós de vehículo propio, non tes nada que facer”, e isto é algo que se presenta como unha limitación moi clara e tamén frustrante no día a día. Pero os límites van máis ala do transporte, pois como Otilia nos traslada, a tecnoloxía tamén se resiste a vivir no campo. Isto observámolo na Internet, a cal non funciona da forma máis óptima en moitos recunchos ou deixa de facelo por completo noutras ocasións.

Otilia tiña claro que quería unha vida cerca da natureza, onde os tempos, diferentes os da cidade, permitían respirar cunha maior lentitude e paz. Sen dúbida, a nosa protagonista é unha muller libre e valente que, priorizando o seu benestar e o da súa familia, fuxiu das grandes construcións e do alboroto para instalarse no profundo verde e no constante silencio; decisión que lle obrigou a adicar un maior esforzo e tempo na crianza das súa fillas e do seu fillo.

Non obstante, derrubou os muros que se lle presentaron no camiño e, a día de hoxe, segue a loitar para que se faga visible o papel das mulleres no rural, conseguindo o pleno empoderamento das mesmas.

ÚLTIMAS

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...