InicioPolíticaJosé Tomé Roca, "Creo que imos ter un bo resultado, a...

José Tomé Roca, “Creo que imos ter un bo resultado, a xente dinos que nunca se fixo tanto en tan pouco tempo”

José Tomé Roca, actual alcalde de Monforte, é o candidato do PSOE neste concello para as municipais.  Natural de Guitiriz leva en Monforte desde 1977. A Monforte veu a traballar na Escola de Capacitación Agraria e neste concello desenvolveu a vida profesional, sindical e política. Despois de estar no goberno en coalición co BNG, dous mandatos na oposición e este mandato na alcaldía, asegura que salvo a familia, Monforte éo todo para el.

Publicado o

- Advertisement -

Hai 42 anos, cando José Tomé Roca chega a Monforte que lle pareceu a cidade?

Tiña mais poboación e había un tecido industrial relacionado co calzado, o ferrocarril e a Chacinera,… Foise perdendo ese tecido e lamentablemente non foi substituído por outro para manter a poboación.

Como cidade agora está moito mellor, urbanisticamente e os servizos, zonas verdes,… pero perdeuse poboación e o tecido industrial está peor, ao mesmo tempo medrou o sector servizos e agora dase todo o potencial turístico relacionado coa Ribeira Sacra.

Á hora de falar de emprego hai dous escenarios importantes, o Polígono Industrial do Reboredo e o Porto Seco. Que espectativas hai?

Estes anos potenciamos o Polígono con alumeado e mellora de rúas. Neste momento está xestionándose máis dun proxecto para instalarse nel, pero serán as empresas as que o anuncien cando chegue o momento.

No caso do Porto Seco había desde o 2011 un aviso da Confederación de que faltaba a depuración e sen iso non se podía facer nada, ademais faltaban os accesos. Agora é urxente facer o acceso da N-120 e o concello fixo o esforzo de asumir a metade do investimento da depuradora, algo que correspondería unicamente á Xunta por ser a propietaria. Entendo que unha vez solucionados estes dous temas a Xunta debería de conceder a un operador loxístico a xestión do Porto Seco para poder impulsalo de modo efectivo.

Con 4 anos gobernando en minoría quedaron moitas cousas por facer?

Quedaron bastantes porque a oposición non nos axudou a sacar moitas delas adiante, como arranxar o contrato con Aqualia, varias ordenanzas fiscais relativas á organización do concello ou para regularizar o mercado dominical do Parque dos Condes; facer peonil a Ponte Vella; o parque Covas-A Pinguela para o que temos o proxecto feito e que será unha zona verde preciosa, a urbanización dalgunhas zonas do casco urbano;… No tema do saneamento gustaríame ter ido máis lonxe, pero non atopamos colaboración da Xunta e a rede está deteriorada e a depuradora funciona mal. Estes e outros asuntos seguirán sendo os nosos obxectivos se seguimos con responsabilidades de goberno.

Rúa do Conde / PSOE Monforte

E cales foron as propostas que si se executaron?

Persoalmente estou moi orgulloso da xestión económica do Concello. Cando chegamos Monforte era un concello sen diñeiro, que tiña débedas cos bancos de 1.700.000 euros, agora non chega a 400.000. Tivemos que facer recoñecementos extraxudiciais de creto, pagamos as débedas e hoxe está todo ao día, e nas contas dos bancos hai  máis de 7 millóns de euros. Creo que xestionamos ben.

Ademais de recuperar economicamente ao concello, melloramos 80 rúas, 200 pistas no rural, melloramos o alumeado público en 50 rúas  e prazas e superamos as 200 farolas nas parroquias; melloramos os servizos sociais adicando 400.000 euros máis cada anodos que adicaba o anterior goberno e con medidas nas que somos pioneiros como a que combate a pobreza enerxética; melloramos a rede de abastecemento e saneamento de moitas rúas e suprimimos verquidos directos ao Cabe na rúa Caneiro e no barrio de Aceña Nova; demos especial coidado ás zonas verdes; volvémoslle dar a Monforte as Festas Patronais que se merece e recuperamos os “fuegos do río”,…

Historicamente os alcaldes utilizaban o asfaltar e instalar alumeados para gañarse o favor da veciñanza. Isto xunto coa situación que se deu coas concelleiras do BNG que pasaron a ser non adscritas e co PP nestes últimos meses para definir candidato, daralle ao PSOE a maioría absoluta?

Asfaltar e mellorar o alumeado había que facelo, había rúas que facía 40 anos que non se tocaban. Isto a veciñanza viuno, pero non o viu a oposición, criticáronme por facer “melloras de máis” a este respecto. A oposición criticou todo o que facía e non tiveron contacto cos veciños. Que se equivocaron é evidente, por iso chegaron á situación de división interna que chegaron.

Creo que imos ter un bo resultado, temos os nosos datos e a xente dinos que nunca se fixo tanto en tan pouco tempo. Nós arranxamos o que estaba mal e non desfixemos nada do feito por outros, cantos concelleiros nos vai dar? Non o sei.

Ninguén regala nada, pero é bo que o goberno do Concello coincida co goberno do Estado e da Deputación, os datos dan a Gonzalo Caballero como próximo Presidente da Xunta. Monforte agora ten unha oportunidade para avanzar máis. 

De seguir na alcaldía, ademais de continuar coas cousas que non se puideron facer nestes 4 anos, que outras propostas ten o PSOE?

En liñas xerais seguir mellorando a cidade no que queda: as rúas, o alumeado, os servizos sociais, infraestruturas como a ponte do Malecón para facer peonil a Ponte  Vella, seguir co Festival do Viño, as Patronais, a Feira Medieval, eventos deportivos, o polígono, …

Alumeado Compañía / PSOE Monforte

Estes 4 anos que supuxeron na experiencia vital do alcalde, deulle tempo a Tomé de ser algo máis que alcalde?

É algo que votei en falta neste mandato porque como non tiñamos maioría para poder gobernar e eramos poucos concelleiros, absorbeunos a todos todo o tempo; tiñamos que facer moitas tarefas, pero tiñamos que cumprir o compromiso cos cidadáns. Se temos máis concelleiros haberá máis tempo para adicarlle á familia e poder descansar, ou estar cos veciños, porque a veces non tes nin tempo para andar pola rúa e falar cos veciños.

Para rematar, que lle diría á veciñanza para o día das eleccións?

O que lles pido é que vaian a votar o día 26. Estamos nunha democracia, que voten a quen queiran, pero loxicamente eu teño que pedir para a miña candidatura. Que miren para adiante, que miren ao futuro, do pasado non se vive. Se queren seguir mellorando Monforte en todos os aspectos que falei, creo que deben de votar á candidatura que encabezo, que deben votar ó PSOE.

ÚLTIMAS

Bolsas de tea con motivos feministas

O proxecto de igualdade do Concello de Sober ‘Redes Lilas’ celebrou a súa cuarta...

Aly Alma, artista con raíces en Quiroga, presenta “Violet Mood”, un espectacular show acústico en feminino

Alicia Losada, coñecida artisticamente como ‘Aly Alma’ e con orixes en Quiroga por parte...

Novo miradoiro á Ribeira Sacra de Soutochao

O concello lugués de Sober estreou o novo miradoiro de Soutochao, desde o que poden contemplarse...

Sur da provincia de Lugo e Costa da Morte, a Galicia con maior porcentaxe de persoas dependentes

O 4,19% da poboación galega estaba en situación de dependencia o ano pasado, cunha...