InicioPolítica"Colapso do centro de saúde de Chantada e abandono da sanidade pública...

“Colapso do centro de saúde de Chantada e abandono da sanidade pública no rural,” aseguran desde Por Chantada

Por Chantada recibiu queixas da viciñanza e mantivo contactos con diferentes traballadores do centro de saúde de Chantada para coñecer ata onde chega o abandono da sanidade pública por parte de Alberto Núñez Feijoo en plena pandemía.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

En días pasados Por Chantada denunciaba a falta de prazas na Galiña azul, que obrigan ás familias a iren até outros concellos; ou sobre os recortes no profesorado no IES Lama das Quendas, que ameazan a continuidade da ESA, do CUALE etc. Nesta ocación sinalan que o centro de saúde de Chantada está ao borde do colapso.

“A Xunta fai unha e outra vez política da máis ruín, desde un despacho de Santiago e de costas á poboación do interior galego. Clama ao ceo o silencio cómplice dos alcaldes do PP, que non moven un dedo mentres cada vez temos piores e menos servizos impedindo así fixar poboación e converténdonos en cidadáns de segunda,” afirman desde Por Chantada.

Na primeira quincena de agosto os mércores e xoves só había dúas médicas para todo o centro, a pesar de que a poboación se dispara no mes de agosto na comarca de Chantada e o resto da semana só 3 médicos. Na segunda quincena, só había dous médicos e unha polas tardes que só facía 3 horas, o que malamente dá para atender 30 pacientes, cando os cupos dos médicos que están de baixa sobrepasan as 2.000 persoas, a maior parte con máis de 65 anos polo que requiren un seguimento e atención maiores que nestas condicións é imposible darlles.

Como exemplo sinalan que só o pasado venres dous facultativos atenderon máis de 180 pacientes. O mércores, día no que non hai Sintrón e, daquela, son consultas máis demoradas, superaron os 75 pacientes por facultativo.

Por Chantada non acredita nas escusas da Consellaría, que se repiten todos os anos, senón que “ve unha estratexia deliberada de degradar os servizos públicos e favorecer a mercantilización da saúde. O que oculta o PP é que os médicos prefiren as gardas a contratos por días acumulando cupos de varios facultativos: unha tolemia.”

En pleno pico da presente vaga pandémica, Chantada estivo sen pediatra tres semanas, pois nunca se substitúe nas ferias e baixas de curta duración deixando sen un servizo esencial a todas as familias con crianzas da comarca. Con todo desde Por Chantada aseguran que a Xunta degrada os servizos públicos esenciais, para logo despilfarrar cartos, por exemplo, subvencionándolle caixeiros aos bancos no rural que só favorecen fechar sucursais como a de Abanca en Carballedo.

Por Chantada condena enérxicamente estes recortes feitos con aleivosía no período estival e que se repeten todos os anos, “Degradación da sanidade, mingua na oferta educativa, exclusión financeira… un rosario continuado de agresións ao rural, que non se abandona á súa sorte, senón que deliberadamente se procura baleirar. Mentres tanto, que se sabe dos alcaldes da comarca?”, rematan desde Por Chantada.

ÚLTIMAS

A Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra asina coa Universidade da Coruña a realización do seu Plan Director

Hai un mes a Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra celebraba unha xornada para presentar...

Fin de semana de foliada, festa e teatro na Pobra do Brollón

Aproveitando o patrón da parroquia, San Xurxo, a de Eixón será unha foliada con...

O IES A Pinguela celebra o 40 aniversario

Este venres 26 de abril o IES A Pinguela ten programada unha xornada na...

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...