O conselleiro do Medio Rural e o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, reunironse en Santiago para falar sobre a posta en valor da produción de aceite neste concello e a mobilización de terras para a plantación de oliveiras.
Nesta zona levan anos mirando pola recuperación do cultivo das oliveiras e apostando polo sector dado o potencial económico que ten. Actualmente hai poucas empresas que se dediquen profesionalmente e moitos particulares estanse sumando ao cultivo; nuns casos para autoconsumo e produción artesanal e noutros para a posterior venda da oliva a produtores que comercializan aceite.
Dende o propio concello tense rexistrada unha marca para protexer o aceite de Quiroga e realízase dende hai 18 anos a “Mostra do Aceite” en Bendilló para promocionalo e poñelo en valor. Ademais do anterior, tamén se está elaborando un censo do oliveiral dende a Consellería de Medio Rural para ter un punto de partida en canto ao número de oliveiras en produción na zona.
outros temas tratados
Tamén avaliaron o convenio asinado recentemente entre a Consellería e o Concello para o acondicionamento e humanización dos espazos públicos rurais de Pacios de Mondelo e A Ribeira, que suporá un investimento de case 35.500 euros.
Este documento enmárcase na liña de proxectos senlleiros impulsados a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).