Cartel sobrio para presentar “un Festival que se concibe como un evento de degustación e non como un botellón”

O museo do Centro do Viño da Ribeira Sacra foi testemuña hoxe, 7 de xuño, da presentación do cartel oficial do 'Festival do viño da Ribeira Sacra de Monforte', evento que chega á súa terceira edición. O alcalde de Monforte lembrou a idea de presentar este festival como evento formal e de degustación, evitando dar imaxen de botellón.

José Tomé presentando o cartel á prensa no Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte / Prensa Concello

Tras a falta de entendemento co Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, o Concello de Monforte decidiu impulsar a organización do festival vitivinícola deste ano en solitario. O evento terá lugar no paseo do Malecón da cidade do Cabe os vindeiros 5, 6 e 7 de xullo e a presentación da imaxe oficial do mesmo correu a cargo do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, quen estivo acompañado pola tenente de alcalde do Concello, Gloria Prada, e o concelleiro de Servizos, José Luis Losada.

A deseñadora que se encargou da imaxe gráfica do cartel foi a artista coruñesa Teresa Candal, licenciada en Bellas Artes, na especialidade de Deseño Gráfico con máis de 10 anos de experiencia. Ademais de deseñadora é pintora e xa colaborou no deseño do cartel do festival nas edicións anteriores.

O Alcalde explicou que “o cartel que finalmente seleccionamos de entre as propostas que nos fixo Teresa, é porque transmite unha imaxe sobria, serena. A autora, ideou un cartel dirixido a un público que desfruta do viño ou que ten curiosidade polo mundo do viño, tanto da xente do rural como do urbano.”

En canto á composición do mesmo, moi sobria e tendo como base unha fotografía, destaca unha copa de viño elegante co gravado do escudo do Concello de Monforte e o texto “viños da Ribeira Sacra”. Como color destacado emprégase o violeta Sacro ou burdeos, en alusión á Ribeira Sacra, aos seus viñedos, mosteiros e lugares de culto. No cartel tamén figura información textual co nome do Festival, as actuacións e actividades programadas, as datas e o lugar do encontro, así como os logos do Concello e Deputación de Lugo, organizador e colaborador respectivamente.

Cartel oficial do evento

O Alcalde aclarou que os detalles definitivos do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2019 daranse a coñecer coa presentación do programa nos vindeiros días e engadiu que se mantén a idea de presentalo como un evento de degustación, dentro dun ambiente tranquilo, familiar ou de grupo, dentro dun turismo de calidade e ‘non como un botellón’.

Xornal de Lemos interesouse pola decisión de facer o cartel integramente en galego e non en castelán como en anos anteriores. Lembrouse ademais que o tema xerou queixas e certo debate nas redes sociais, sobre todo o pasado ano. O Alcalde foi claro e directo afirmando que non houbo dúbidas neste tema e fíxose o encargo do mesmo en galego pois “limitámonos a cumprir coa Lei de Normalización Lingüística igual que o facemos no resto de actividades administrativas e institucionais do concello”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here