IniciosociedadeGalletas Xianas: actualizar unha tradición para construír futuro

Galletas Xianas: actualizar unha tradición para construír futuro

As Galletas Artesás Xianas, elaboradas de forma natural en Taboada, son un alimento tradicional desta área que se converteu nun interesante proxecto empresarial da man de Nélida Sobrado e Ana Ledo.

Publicado o

- Advertisement -

Na actualidade están a xurdir numerosos proxectos de emprendemento no rural creados por persoas que tentan xerar unha oportunidade laboral para si mesmas neste entorno. As Galletas Artesás Xianas dan boa conta disto. Dende Taboada, Nélida Sobrado e Ana Ledo decidiron recuperar a tradición das galletas de Xián, elaboradas dende tempos inmemoriais na parroquia do mesmo nome, e facer deste produto a súa opción de futuro. Sen máis ingredientes ca fariña de trigo, azucre integral de caña, manteiga de vaca cocida e ovos, este postre está a conseguir un oco no mercado. Falamos coas dúas promotoras deste proxecto iniciado no 2015 para coñecer máis sobre o seu caso.

Galletas Xianas / Cedida

Como foi o proceso de creación da empresa?

Despois de diferentes proxectos laborais sen demasiado éxito, decidimos buscar unha opción que nos permitise seguir traballando dende Taboada e, ao mesmo tempo, levar o noso traballo máis lonxe, ás cidades. Tamén tiñamos claro que queriamos facer algo que tivese que ver co noso territorio e as galletas de Xián víñanse facendo de xeito tradicional nas casas, primeiro nas cociñas de leña e logo cunhas máquinas que se empezaron a traer dende a emigración. Nós démoslle unha volta a estas últimas e reflexionamos sobre como podiamos converter este doce nun produto atractivo para comercializalo. Dentro desta acutalizacón das galletas, decidimos introducir novos sabores e imprimimos nelas diversos gravados con referencias a Galiza, como motivos celtas, paisaxísticos, elementos do Camiño de Santiago…

Hai catro variedades de Xianas: orixinais, de améndoa, de coco e de café. Cal delas é a que está a ter máis éxito?

A orixinal é a que máis se parece aos doces tradicionais, que se facían con manteiga de vaca; pero cando comezamos este proxecto hai tres anos tamén lanzamos as de améndoa e as de coco. Ademais, no 2018 decidímonos por elaborar Xianas de café. As que máis expectación xeran no mercado son as orixinais e as de améndoa, xa que as de coco e café son sabores máis intensos e especiais.

A caixa de galletas xianas surtidas / Antón Ledo

A través de que canles comercializades os vosos produtos?

Nós facemos a elaboración, pero tamén nos encargamos da distribución e de parte da comercialización, xa que tentamos ir a feiras relacionadas con temas gastronómicos (produtos gourmet, ecolóxicos…). Aínda así, sobre todo vendemos as nosas galletas a través do comercio de proximidade, é dicir, en pequenas tendas de alimentación con produtos locais ou gourmet.

Cal credes que é a situación do mercado de produtos naturais e gourmet?

Nos tres anos que levamos con este proxecto conseguimos asentar o noso produto no mercado e si que notamos un certo interés da xente por este tipo de produtos. Con todo, hai que ter en conta que a situación económica non é a mellor e non axuda a que a xente compre este tipo de produtos, que son percibidos como un “capricho”. A verdade é que prefeririamos que a xente mercase as nosas galletas e non outras elaboradas de forma industrial cun prezo moi reducido pero cuns ingredientes cuestionables. O público en xeral debería facer unha reflexión sobre este tema. No que se refire ás feiras de produtos naturais ou gourmet, hai moita xente que acode a elas coa intención de coñecer que se está facendo no país.

A nivel persoal, que vos achegou poder levar adiante un proxecto empresarial no entorno rural?

A nós cáusanos unha gran satisfacción dende o momento en que nos permite vivir onde decidimos e compartir o noso tempo cos nosos cativos. Se tivésemos que traballar noutro lugar, iso sería moito máis complicado. Ademais, podemos desfrutar da vida nunha contorna como é Taboada e poñer en valor os recursos e tradicións locais. Ao mesmo tempo, estamos a demostrar que se pode vivir do produto local e que non fai falta buscar opcións en recunchos moi lonxanos para atopar opcións atractivas e viables.

Que importancia credes que teñen proxectos de innovación coma este nun contexto de crecente despoboamento rural?

Eu creo que este tipo de inciatvas son unha necesidade. Cómpre introducir actualizacións no que xa se viña facendo, tanto en producións consolidadas como a do sector lácteo e o vinícola como noutras iniciativas con menos proxección coma a nosa, pero que tamén supoñen unha achega máis á economía do rural. O que se bota en falta é o acompañamento da administración. Podemos dicir que, efectivamente, hai algunhas axudas económicas, pero moitas veces o que se precisa é ter alguén a que te oriente cando atopas algúns atrancos administrativos. Cando comezamos este proxecto tiñamos que pasar dous días á semana realizando xestións, e iso supón moito tempo perdido.

Cales son as vosas perspectivas de futuro para as Xianas?

Proximamente lanzaremos unha liña ecolóxica e outra apta para persoas con intolerancias alimenticias. A partir de aí, será preciso asentar o noso proceso produtivo e correxir os erros que vaiamos detectando. A seguinte fase sería consolidar as vendas a nivel galego e tentar mirar cara a fóra de Galiza: xa que non todo o mundo consome este tipo de produtos, hai que estar presente en moitos mercados para poder garantir que nos proporcionarán uns ingresos óptimos.

ÚLTIMAS

‘Volta ao xogo’: o novo single dos chantadinos TIAM Gz

Tras dous anos sen sacar temas, neste 2024 a banda de Chantada TIAM Gz...

Curso de ‘alquimia herbal’ en Torbeo, Ribas de Sil

Os e as amantes das plantas, e do seu poder medicinal, teñen a vindeira...

Rebaixan a pena dun veciño de Monforte condenado por violación

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo rebaixou, en aplicación da lei do...

O IES Río Cabe no centro da cultura financieira

Durante a xornada contouse coa visita da directora xeral de Ordenación e Innovación educativa,...