IniciosociedadeA marca FEST Galicia apoia o festival 17º Ribeira Sacra

A marca FEST Galicia apoia o festival 17º Ribeira Sacra

Este xoves, 18 de xullo, comeza a terceira edición deste encontro musical que ademais pon en valor o patrimonio cultural de varios concellos das provincias de Lugo e Ourense situados nas beiras do Sil e do Miño.

Publicado o

- Advertisement -

O festival desenvólvese en dúas fins de semana, as dúas que poñen remate ao mes de xullo. Do 18 ao 20 de xullo haberá concertos e actividades en localizacións de Monforte de Lemos, Sober e Chantada; e na segunda fin de semana, os días 26 e 27, o festival terá escenarios en Castro Caldelas, Ribas de Sil e Nogueira de Ramuín.

O 17º Ribeira Sacra volve contar por segunda ocasión co patrocinio da Xunta como un dos 12 encontros adheridos á segunda temporada de FEST Galicia, a marca creada pola Administración autonómica para promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social.

A devandita marca contará cun espazo propio de difusión que funciona como epicentro dunha serie de actividades e campañas de concienciación social e medioambiental. No caso concreto do Festival 17º Ribeira Sacra, este posto estará instalado nas adegas Regina Viarum, en Sober, e as campañas que acollerá serán impulsadas polas Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería de Política Social, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura e Turismo, que coordina todas as accións.

No caso deste ambicioso festival, que se enmarca na Ribeira Sacra e cumpre tres edicións este ano, a marca da Xunta dálle soporte tamén a un dos escenarios do evento, que estará situado no Parador de Monforte de Lemos e acollerá os concertos de Marem Ladson, Jonathan Wilson, Kevin Johansen e Los Enemigos.

Outros músicos que actuarán en diferentes escenarios de lugares emblemáticos da Ribeira Sacra son: Soledad Vélez, Enric Montefusco, Jacobo Serra, McEnroe, Papaya, Delafé, Geométrica, Champs, Alberto & García, Cora Velasco, Blanco Palamera, María José Llergo, Os Amigos dos Músicos, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Benxamín Otero & Germán Díaz, Aldaolado e Allova.  A programación complétase con catas musicadas, experiencias gastro-enolóxicas, showcookings, rutas e visitas.

Ademais da carteleira musical, outra das citas que terá lugar no marco do festival é o I Foro Territorios patrimonio, para contribuír á promoción da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.

Valores que se pretenden transmitir

Un valor moi importante a transmitir no espazo FEST Galicia é a sensibilidade medioambiental. O sábado 20 haberá un punto informativo de Medio Ambiente no que persoal especializado lles transmitirá aos asistentes a importancia de adoptar un comportamento ecoconsciente. Neste sentido, elaborouse un Manual de eventos sustentables no que se reflicten medidas para ter en conta a Axenda 2030 con Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable como son o fomento do uso do transporte público e compartido, o consumo de produtos alimenticios locais, ecolóxicos e de comercio xusto, a optimización do uso de auga e enerxía, etc.

En canto á igualdade, tamén se desenvolverán accións importantes como a incorporación de mulleres nos equipos de traballo, a colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade dentro da na campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual,  persoal formado neste ámbito difundirá o ‘Decálogo contra a violencia sexual: dez cousas que tes que saber’ para informar sobre como actuar en caso de agresións e instalaranse tótems coas mensaxes da campaña. O venres 19 desenvolverase o obradoiro Machismos Off, no que as persoas asistentes terán que identificar condutas machistas que asumimos como habituais e visibilizalas nunha pizarra como primeiro paso para loitar contra elas. Tamén poderán comentalas a través das súas redes sociais cos hashtag #MachismosOFF e #FestGalicia2019. 

O uso da lingua é outro dos ámbitos no que FEST Galicia segue a traballar nesta edición en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O obxectivo é convidar a xuventude a se relacionar de xeito responsable co medio e a facelo en galego. Como actividade complementaria para promover o galego este venres 19 o comunicador Víctor Grande animará a mocidade a que achegue as súas ideas sobre actuacións de dinamización do uso da lingua galega. Realizarase tamén o concurso Pasa a palabra no que ademais de divertirse e adiviñar verbas en galego, os mozos e mozas participantes terán oportunidade de facerse con diversos agasallos.

O sábado 20 desenvolveranse outras accións dirixidas á mocidade, entre elas unha actividade lúdico-formativa na que se farán preguntas sobre Galicia en diferentes disciplinas marcadas nunha ruleta. A medida que as persoas participantes vaian acertando preguntas conseguirán diferentes premios.

Estudo de impacto

Outra acción de interese que impulsará FEST Galicia neste 17º Ribeira Sacra será un estudo a través de enquisas ao público, co fin de obter datos sobre o retorno directo, indirecto e inducido do festival no seu territorio. As medicións serán realizadas por un equipo consultor integrado por especialistas do ámbito universitario e terán como resultado un informe de avaliación, que servirá como punto de partida para traballar sobre medidas que redunden nos valores que a marca promove.

ÚLTIMAS

I Work Ribeira Sacra Chantada

Tratábase da I edición do Work Ribeira Sacra, primeiro evento networking que se realiza...

Restauración da imaxe da Virxe dos Remedios da Ermida, en Quiroga

A imaxe da Virxe dos Remedios da Ermida está a sufrir unha importante restauración...

‘Volta ao xogo’: o novo single dos chantadinos TIAM Gz

Tras dous anos sen sacar temas, neste 2024 a banda de Chantada TIAM Gz...

Curso de ‘alquimia herbal’ en Torbeo, Ribas de Sil

Os e as amantes das plantas, e do seu poder medicinal, teñen a vindeira...