Iniciosociedade"No interior da cova o móbil non existe", Manolo Díaz, espeleólogo

“No interior da cova o móbil non existe”, Manolo Díaz, espeleólogo

O 3º Campamento Galego de Veteranos de Espeleoloxía reúne esta fin de semana en Triacastela a 25 deportistas. "En Triacastela hai moitas cavidades de distintas dificultades que son idóneas para o noso deporte," sinala Manolo Díaz da Sociedade de Montaña Ártabros.

Publicado o

- Advertisement -

En Triacastela localízanse afloramentos de rochas calcáreas nas que se desenvolven varias cavidades naturais, que mostran grande interese para os espeleólogos galegos. O campamento organizado pola Federación Galega de Espeleoloxía, a Sociedade de Montaña Ártabros da Coruña e a Xunta de Galicia, conta coa colaboración do Concello de Triacastela. Falamos sobre o campamento e espeleoloxía con Manolo Díaz do Club de Montaña Ártabros.

Manolo Díaz / Ártabros

III Campamento galego de veteranos no que para participar hai que ser maior de 40 anos, temos moitos practicantes da espeleoloxía en Galicia?

A espeleoloxía é un deporte minoritario, pero en Galicia ten bastantes seguidores porque temos lugares moi interesantes para practicala. Esta fin de semana en Triacastela estaremos 25 espeleólogos. Os campamentos fanse cada dous anos; é unha actividade oficial da Federación Galega de Espeleoloxía que aglutina a todos os clubs de espeleoloxía de Galicia, unha vintena deles entre os que está Ártabros. A xente vai cumprindo anos e o campamento é un punto de encontro para reunirse e falar de anécdotas. Tamén se celebra o sábado pola noite a gala de 25 anos federados, entrégaselles unha medalla de recoñecemento pola súa constancia.

Tedes xente nova que vos colla o relevo?

Si, hai canteira, en setembro celebrouse a XX edición xa, do campamento infantil xuvenil onde había 30 rapaces e rapazas. Estivemos entre Pedrafita e Santalla de Lóuzara en Samos, foi unha fin de semana moi movida.

Para facer espeleoloxía hai que ter algunha característica especial?

Hai que ter ganas e un pouco de vontade. É importante recibir consello de xente que xa practique, para elo desde a Federación temos a Escola Galega de Espeleoloxía. A espeleoloxía é un deporte ciencia, que ten actividades que gardan relación con temas científicos como a arqueoloxía, a paleontoloxía, a topografía con levantamentos dos planos das cavidades, a xeoloxía,… Hai varias disciplinas que gardan relación co mundo subterráneo.

Por que se escolle Triacastela?

A xente sempre nos tratou moi ben.  O sábado pola tarde o domingo pola mañá poderanse recoñecer cavidades nas parroquias de Alfoz, Cancelo, Lamas, Monte, Triacastela e Vilavella, nas que destacan: Cova do Bao, Cova da Galleira I e Sistema dos Arroxais. Nesta época irán un pouco petadas de auga, pero bueno.

Cales son as mellores zonas para facer espeleoloxía en Galicia?

En Galicia a cavidade máis grande é a Cova do Rei Cintolo en Mondoñedo, que ten unha lonxitude de máis de 5 quilómentros e medio, despois a Serra do Courel con algunha cavidade cercana aos 2 quilómetros e tamén están os principais ríos subterráneos.

A nivel xeolóxico a provincia de Lugo é das máis interesantes. Agora tamén se apareceron nas provincias de Ourense e Pontevedra, cavidades en rochas graníticas, non calcáreas e tamén se está explorando nelas.

Como comezas na espeleoloxía e que relación tes con ela agora?

Comezamos un grupo de rapaces hai bastantes anos, faláronnos dunhas covas na zona de Mondoñedo, entramos e enganchámonos. Agora vou unha vez ao mes, hai xente que practica máis. Colaboro en proxectos de investigación da universidade da Coruña relacionados coas covas. En Eirós, por exemplo, fomos dos primeiros en explorar “en plan espeleoloxía”, aló polo ano 78.

Que che aporta persoalmente a espeleoloxía?

A satisfacción de organizar e preparar cousas para os demáis. Persoalmente, dentro da rocha estás tranquilo, a min gústame facer fotografías dentro, levantar planos e colaborar noutras actividades relacionadas co mundo subterráneo. É un deporte de equipo, sobre 4 persoas ou máis, por seguridade, non se pode ser un irresponsable e ir só, polo que poida pasar. Na espeleoloxía impórtanos a conservación do medio e das cavidades, que non se contaminen os acuíferos de auga que logo saen polas fontes.

Entrada Cova Eirós, agosto 2019 / Ártabros

A espeleoloxía é apta para claustrofóbicos?

A claustrofobia pouco a pouco vaise vencendo. Ao principio non hai que comezar por sitios complicados, comezar en sitios amplos e pouco a pouco vas vendo como é o teu carácter para afrontar as distintas situacións.

Hai que ter unha boa técnica tanto en materiais como en manobras, que se fan coas cordas. O tempo que pasas dentro depende da actividade que vaias desenvolver e se xa se fixo ou non recoñecemento previo.

Se é unha cavidade moi longa hai que montar campamento interior, levar comida, luz e unha loxística axeitada. Non é o mesmo entrar nunha cova a primeira vez que nunha que foi moitas veces recoñecida. Agora hai pasos que teñen moita dificultade que están preparados para pasar.

Levaches algún susto?

Sustos pequeniños, algunhas veces dentro, que te desalentas un pouco. É importante a experiencia e se son cavidades novas prestar máis atención para saber por onde andas e poder regresar á superficie.

No mundo da espeleoloxía, España e Galicia, que papel xogan?

España é un territorio idóneo para a práctica da espeleoloxía. Picos de Europa é o Himalaya da espeleoloxía. Pero iso é outro nivel, de entrenamento de élite. Dentro de España, Galicia somos a quinta Federación, facemos cursiños, campamentos, fai 15 anos celebramos un congreso galego, no 92 un na Coruña a nivel español. Galicia está na vangarda, publicamos unha revista desde a Federación e realizamos moitas iniciativas.

Nos tempos que corren nos que estamos hiperconectados, pegados ao móbil e sen tempo para nada, a espeleoloxía sería interesante como escapada?

Alí o móbil non funciona. Usamos gps para localizar entradas a covas, pero unha vez dentro da cova xa é distinto. Dentro escoitas o silencio. É un deporte onde fas exercicio físico e, mentalmente podes prepararte para moitas actividades. Dentro da idade que teñas podes tomalo como afección ou se tes relación co mundo universitario poden desenvolverse distintas especialidades. E para comezar acudir á federación ou se hai un club na localidade, non andar por libre, temos un seguro deportivo, asesoramos e informamos.

Este III Campamento Galego de Veteranos de Espeleoloxía inaugurarase o sábado ás 12.00 na casa da cultura de Triacastela. A inauguración estará seguida do pase do audiovisual e charla-coloquio Cova Eirós do GES Ártabros, presentado polo arqueólogo Arturo De Lombera Hermida. Posteriormente celebrarase reunión informativa sobre o Catálogo de Cavidades da FGE e visitarase a exposición fotográfica Triacastela, ‘Unha ollada ao pasado’.

ÚLTIMAS

O alcalde de Bóveda na creacion da Comisión de Políticas de Auga, Medio Ambiente e Economía Circular

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, participou recentemente en Madrid na reunión da...

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...