Iniciosociedade“Sempre temos ideas na cabeza... outra cousa é poder levalas a cabo”,...

“Sempre temos ideas na cabeza… outra cousa é poder levalas a cabo”, Miriam Palmón, dinamizadora en Bóveda

Coñecemos de primeira man o traballo desta Técnica de Animación Sociocultural e Xuventude nun concello pequeno que, como moitos outros, loita contra o envellecemento e certa pasividade da poboación. No seu día a día ten que tirar de grandes doses de imaxinación e de paciencia para sacar adiante actividades que funcionen e que enganchen a veciños e veciñas.

Publicado o

- Advertisement -

Miriam Palmón Díaz rematou no ano 2.000 o Curso de Monitor de Tempo Libre e fundou con outras persoas unha asociación  de monitores de tempo libre que se bautizou co nome de “Trasnadas”. Dende ese momento comezaron a colaborar con distintas entidades, colexios, concellos, asociacións… realizando actividades e obradoiros relacionados coa dinamización sociocultural. E paralelamente tamén se dedicou á formación, participando como docente nos cursos de tempo libre que organizaba a Cruz Vermella, e a organización de eventos como as coñecidas “Noites alternativas no concello de Monforte”.

A partir desa experiencia asociativa probou sorte coa empresa privada, tamén neste eido, e máis tarde, no ano 2.011 estaba xa traballando no Concello de Bóveda como técnica de dinamización sociocultural. Falamos con Miriam que nos conta o seu punto de vista do labor dinamizador dende a administración e dende un concello pequeno como é o de Bóveda, na Comarca de Lemos.

Como foi a túa experiencia empresarial no mundo da animación?

Viñamos de traballar, eu e outra xente, no eido da animación como asociación -Asociación Trasnadas- e no ano 2005 creamos a empresa Trasnadas Animación. Nesta etapa traballamos todo tipo de actividades de dinamización comunitaria: obradoiros de memoria para maiores en asociacións e concellos, xornadas de multiculturalidade, xornadas medioambientais, coeducativas, xogos e xornadas lúdicas en toda a Comarca de Lemos con institucións públicas e particulares. Estivemos traballando ben e aprendín moito da experiencia pero no 2012 tivemos que deixar a actividade. Vinme con novas responsabilidades familiares que non me permitían seguir o ritmo e as esixencias da empresa.

Cando empezaches a traballar como Técnica no Concello de Bóveda?

Comecei a traballar no ano 2011.

Resulta doado deseñar actividades novidosas e que estas teñan interese en concellos pequenos como Bóveda?

Deseñar actividades novidosas forma parte do traballo dunha dinamizadora sociocultural, sempre temos ideas na cabeza… outra cousa é poder levalas a cabo, ben por falla de orzamento (destínanse poucos recursos nos concellos pequenos para a cultura e a dinamización sociocultural) ou porque realmente as ideas teñen que ir sempre acompañadas da resposta a unha demanda existente ou a unha necesidade detectada. Se respondes a ese paso do proceso entón poden ter interese senón pois arriscas a que non o teñan.

Miriam Palmón nunha actividade deportiva en Bóveda / XdL

“sempre temos ideas na cabeza… outra cousa é poder levalas a cabo”

Que tipo de actividades funcionan máis e se repiten ao longo do ano? 

As actividades que máis funcionan hoxe no Concello de Bóveda son aquelas que dinamizan a vida nas parroquias da xente maior (memoria, ximnasia, viaxes….) e tamén as que axudan á conciliación da vida laboral e familiar como son a ocioteca ou os campamentos de Nadal e verán. Pero tamén as que se realizan na biblioteca relacionadas coa animación á lectura (conta contos, obradoiros, teatro…), as artísticas como a música e o baile tradicional ou o cinema e o teatro.

É certo iso de que a xente funciona moito coa rutina do calendario anual? Que opinas ao respecto?

É certo que sempre traballamos co ciclo anual: Nadal, entroido, datas sinaladas, etc. Pero tamén é verdade que sempre podes ofertar visións e experiencias diferentes, por exemplo podes traballar o Nadal cun concurso de postais ou facendo xoguetes con material de reciclaxe e cuestionando o exceso de consumo nesas datas ou o respecto ao medio ambiente. A animación ten que ser sempre didáctica.

Gala de Reis, un evento anual no Concello de Bóveda. Foto: M.P.D.

“A animación ten que ser sempre didáctica”

As programacións que realizas como ‘Técnica de Animación Sociocultural’ son validadas polo Concello ou tes total liberdade?

A verdade é que disfruto de bastante autonomía  e teño persoas que supervisan o meu traballo abertas ás propostas novidosas, pero claro os técnicos dependemos de decisións políticas  na administración pública en xeral.

Supoño que tamén escoitas a mozas e mozos. Que pide a xuventude?

O Concello de Bóveda ten unha OMIX (Oficina de información xuvenil) e arredor dun cento de persoas xóvenes no censo. É quizás o colectivo máis difícil de captar e tentamos darlle os servizos de información que demandan. Así mesmo temos aberta a biblioteca para horas de estudo ao mediodía e pertencemos á rede galega de bibliotecas o que significa que conseguimos todo tipo de documentación ou libros que poidan precisar para os seus estudos e ao mesmo tempo tentamos ofrecer uns servizos culturais  e de ocio pensando neles. Por exemplo, ofertamos actividades de cultura urbana como Breaking e o día 5 de febreiro empezaremos Breakdance ( baile urbano), actividades que cremos poden ser de interese para a xuventude do concello. No centro sociocultural temos tamén ordenadores a disposición das persoas que os precisen e conexión wifi aberta.

“ofertamos actividades de cultura urbana como Breaking e o día 5 de febreiro empezaremos Breakdance”

Habería que dedicar máis recursos económicos á dinamización sociocultural ou xa está ben así?

É absolutamente necesario investir recursos materiais e humanos na dinamización sociocultural dos pobos para estimular a iniciativa e a participación das comunidades no seu proceso de desenvolvemento e acadar obxectivos como: a participación activa das persoas e das comunidades nos procesos culturais, na promoción de actividades culturais como elementos de integración e cohesión da poboación para cada vez máis abrir as comunidades á diversidade  e á pluralidade cultural neste momento. A participación é a clave.

ÚLTIMAS

Bolsas de tea con motivos feministas

O proxecto de igualdade do Concello de Sober ‘Redes Lilas’ celebrou a súa cuarta...

Aly Alma, artista con raíces en Quiroga, presenta “Violet Mood”, un espectacular show acústico en feminino

Alicia Losada, coñecida artisticamente como ‘Aly Alma’ e con orixes en Quiroga por parte...

Novo miradoiro á Ribeira Sacra de Soutochao

O concello lugués de Sober estreou o novo miradoiro de Soutochao, desde o que poden contemplarse...

Sur da provincia de Lugo e Costa da Morte, a Galicia con maior porcentaxe de persoas dependentes

O 4,19% da poboación galega estaba en situación de dependencia o ano pasado, cunha...