Dende a apertura do prazo de reservas, a principios de xaneiro, a Deputación recibiu preto de 5.000 para a nova tempada, que se inicia o 4 de abril, na fin de semana anterior á Semana Santa. A Deputación de Lugo volve a apostar así “por ofrecer este servizo turístico de calidade que xera un efecto multiplicador na provincia de Lugo en xeral, e na Ribeira Sacra en particular, en termos de pernoitas e de consumo no sector hostaleiro e comercial, sendo un incentivo para a iniciativa privada en xeral”, subliñou o Presidente, quen asegurou que as rutas fluviais en catamarán “contribúen deste xeito ó desenvolvemento económico da provincia a través do turismo e, singularmente, á proxección do territorio da Ribeira Sacra, favorecendo tamén a candidatura a Patrimonio da Humanidade”.
Canón do Sil e Cabo do Mundo
Neste tempada mantéñense as dúas rutas que se viñan ofrecendo:
– A Ruta Fluvial do Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte do Sil, no concello de Monforte de Lemos, na estrada que vai a Castro Caldelas. Unha travesía de dúas horas de duración que transcorre bordeando os municipios de Monforte, Sober, Castro Caldelas, A Teixeira e Parada de Sil. Nesta ruta operarán dúas embarcacións que suman en total unha capacidade de 159 prazas: 107 no catamarán Mencía e 52, no monocasco Canón do Sil.
– A Ruta Fluvial Cabo do Mundo, que parte do embarcadoiro de Belesar para facer unha travesía tamén de dúas horas bordeando os municipios do Saviñao, Pantón e Chantada. Aquí opera un catamarán con capacidade para 72 viaxeiros e dispón dunha caseta de madeira para o seu uso como oficina de información e venda de billetes. Este servizo verase reforzado esta tempada cun informador turístico no embarcadoiro durante os meses de maior afluencia de viaxeiros: xullo, agosto e setembro, para mellorar a promoción e a atención.
O cadro de persoal que atenderá o servizo de rutas fluviais estará formada por unha vintena de traballadores. En virtude deste encargo, a empresa pública Tragsa aportará sistemas de accesibilidade, como unha oruga salvaescaleiras para salvar a pendente do pantalán de Ponte do Sil cando esta sexa elevada e en función do nivel do enconro, e un cinto para asegurar a suxección nas cadeiras de rodas, ademais dunha rampa móbil por embarcadoiro para facilitar o acceso do pantalán ás embarcacións cando sexa necesario.