O labor da Cruz Vermella na ‘crise do coronavirus’

A institución de carácter humanitario está a realizar unha campaña de chamamento ao seu voluntariado para reforzar a atención ás persoas máis vulnerables. O responsable de comunicación a nivel de Lugo desmíntenos un bulo e refire que están chamando a unhas 3400 persoas en toda a provincia.

Persoal da Cruz Vermalla realizando chamadas. Foto: ACN

Este organismo internacional conta na actualidade con 200.000 voluntarios e voluntarias ao longo de todo o estado español e vén de lanzar unha campaña de voluntariado para reforzar a intervención coas persoas máis vulnerables diante desta crise sanitaria.

Unha das accións que están desenvolvendo é a realización de chamadas telefónicas á poboación vulnerable para informalas do coronavirus e para detectar as súas necesidades básicas. Unha delas pode ser a de recibir produtos básicos nos seus fogares como alimentos, produtos de hixiene ou medicamentos.

A todo isto, cómpre comentar que está correndo polas redes sociais información falsa sobre presuntos servizos que ofrece xente que se fai pasar por persoal da Cruz Vermella. Alertan que hai persoas que ofrecen a realización de probas de detección do coronavirus e aproveitan para estafar e roubar á cidadanía.

Presunto bulo en facebook

Contrastamos esta información con Manuel María López González, Director de Marca e Comunicación da Cruz Vermella no Comité Provincial de Lugo, e claramente nos confirma que se trata dun bulo máis dos que ás veces se estenden pola rede en situacións como a actual.

Aproveita a ocasión para informarnos que na provincia de Lugo están chamando a máis de 3400 persoas maiores, discapacitadas e con necesidades especiais para interesarse polo seu estado e saber se precisan axuda. A nivel de Galicia, refire tamén, as previsións é contactar cunhas 25.500 persoas consideradas vulnerables.

Mapa de chamadas telefónicas que facilita Cruz Vermella

FORMACIÓN E INFORMACIÓN SOBRE O CORONAVIRUS

Cruz Vermella está a formar ao persoal de Emerxencias e Socorros como parte imprescindible do plan de continxencia fronte ao COVID-19. Neste senso está a realizar accións de formación a equipos e demostracións para explicar as accións de autoprotección do persoal, as medidas de hixiene básicas e tamén a transmisión de mensaxes clave para combater o andazo.

Paralelamente a esta acción cara o seu persoal, tamén pon a disposición de toda a poboación un curso online sobre o Coronavirus. Trátase duns materiais informativos de gran utilidade e de moi doado e atractivo seguimento que inclúen incluso unhas probas de avaliación dos coñecementos adquiridos. A este recurso informativo sobre o COVID-19 accederon máis de 125.000 persoas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here