Os galegos e as galegas caracterizámonos polo especial sentido do humor que aplicamos ao día a día, ese que nos defende do descoñecido e fai que lle quitemos ferro a asuntos transcendentes. En situacións como a que estamos a vivir, nas que o perigo está preto e o medo empeza a ter moita carga viral, a retranca é un desinfectante máis.
Formulada esta reflexión falamos con xente maior que, aínda sendo grupo de risco para contaxiarse de coronavirus, resulta admirable como lle aplica o sentido do humor á chegada da pandemia que estamos sufrindo e ao perigo ao que nos afrontamos. Falamos con Pedro, un xubilado que vive tranquilo na parroquia de Montefurado, en Quiroga. Cando lle formulamos a xa trillada pregunta de “que tal o leva?” dime que el non ten problema, “comida non me falta e onde pasar o tempo tampouco”. Non lle falta razón porque no rural sempre hai que facer, e no seu caso dedícase a coidar das oliveiras, da viña e da horta; por certo, lémbranos que xa sementou as patacas.
“teño víveres para 2 meses, os conxeladores a tope”
Comparte confinamento coa súa muller e resultounos admirable que dende o 11 de marzo aínda non saíron da casa ningún día, da contorna da casa para ser máis concretos. Di que non lles fixo falta nada e espétanos: “teño víveres para 2 meses, os conxeladores a tope”. A súa muller coida dos animais e el dos labores do campo de xeito que andan distraídos todo o día. Pedro deixa unha reflexión que vale de consello, “é moi importante estar ocupados e traballando nas cousas da casa. Por un lado fas exercicio e por outro estás distraído para non darlle voltas á cabeza”.
Teñen dous fillos e dúas netas e empezan xa a estrañalos despois de case tres semanas sen poder velos, “eles de boa gana viñan, pero teñen medo de contaxiarnos”, di Pedro. Aínda así, teñen sorte e maña co internet e manteñen contacto por este medio e tamén, como non, por teléfono.
Visto que teñen as necesidades básicas cubertas e que viven no rural, sen aglomeracións de xente, damos por feito que o risco de que apareza o coronavirus por alí é menor. Así llo facemos saber e dinos “non penses, o outro día veu o carteiro deixar unhas cartas, collinas con guantes e o primeiro que fixen foi botarlle desinfectante ao buzón”. Logo tedes medo? -pregunteille- “non é medo, é precaución”, espeta con retranca. “Nós aquí estamos ben pero sempre pode vir alguén de fóra e nunca se sabe…”, engade.
“un bicho que non se ve cun microscopio e armou unha Guerra Mundial”
Tamén reflexionamos sobre o virus, de por que chegaría a este mundo e de como se está propagando. Quedo con dúas sentencias de Pedro “para min que o botaron, non se me vai da cabeza”, e “un bicho que non se ve cun microscopio e armou unha Guerra Mundial”.
Da comarca de Quiroga pasamos á de Lemos e imos ao Saviñao. Neste caso falamos cunha paisana da contorna de Currelos que prefire non referir nome ningún cando deamos parte da conversa mantida con ela. Así llo respectaremos.
Pasa dos oitenta anos, vive tamén no rural e garda confinamento en parella, co seu marido. Referíndonos a este peche obrigado nas casas preguntámoslle, castigo ou bendición?, e sen case pensalo, cunha rapidez mental comparable á de Berto Romero, sentencia “a bendición debe ser do Demo”.
Como no caso anterior de Quiroga, só saen da casa para mercar algunha das cousas que trae o ultramarinos ambulante que aínda dá servizo polo rural, e na contorna para atender dos animais e da horta. Iso si, “traen guantes e cada pouco bótanlle desinfectante”, dinos. Para o resto de necesidades teñen á familia que lles achega os recados. “Antes do toque de queda (risas) aínda entraban ata a casa, agora déixannos as cousas na cancela da entrada”.
“é algo moi raro e non quería ser demasiado malpensada pero parece que queiran acabar cos vellos todos”
Falando do Coronavirus xa directamente e sobre a súa opinión dime textualmente “é un bicho malo, eu penso que o botaron… os americanos bótanlle a culpa aos chinos e os chinos aos americanos… eu non sei xa nin que pensar e penso ás veces disparates, como que queren quitar pensionistas do medio”. Nesta hipótese, por disparatada que pareza, pensamos moitos e moitas de nós nalgún momento e esta veciña do Saviñao, polo visto, tamén. Insiste en que “é algo moi raro e non quería ser demasiado malpensada pero parece que queiran acabar cos vellos todos”.