Os tres homes de nacionalidade colombiana supostamente explotados laboralmente e presuntas vítimas dun delito de trata de seres humanos nunha granxa de porcos en Sarria (Lugo), conseguiron o permiso de residencia en España.
Así o constata o avogado de dous destes homes, Jhon Henry Hincapié e do seu fillastro, Ángel Vellé, á vez que lembrou que “a eles se lles deu un prazo que se chama de recapacitación, é dicir, para decidir se o que queren é continuar no país e seguir prestando colaboración en canto a este posible delito de trata de seres humanos”. “Eles decidiron que si, que van continuar en España e obtiveron o permiso de residencia”, precisa.
En marzo deste ano formulábase a denuncia ante a Brigada de Estranxeiría de Lugo, logo de ser captados no seu país, segundo a Policía Nacional, baixo “engano” por unha empresaria lucense que ten unha explotación porcina con máis de mil porcos en Sarria que foi arrestada no seu día e agora está en liberdade con cargos.
Os tres colombianos atopábanse nunha situación irregular, e até agora estiveran acollidos a un estado “legal de protección, como posibles vítimas de trata de seres humanos”. Agora xa dispoñen do permiso de residencia en España.
CITADOS A DECLARAR O 16 DE XULLO
O avogado tamén confirmou que foron citados “no xulgado (en Sarria) o próximo 16 (de xullo) para prestar declaración en sede xudicial”. “O procedemento segue o seu curso natural e explicarán toda a situación vivida e que relación tiveron con esta señora (a empresaria)”, advirte Vellé.
En canto á suposta explotadora, o letrado corroborou que “en ningún momento houbo ningún tipo de comunicación”, nin sequera para pedir “perdón”. O tres homes viviron en condicións “miserables”, segundo apuntou Vellé, entre ratas e desperdicios, sen auga quente, e durmían nun catre que era unha espuma con ferros na cociña. Traballaban entre 11 e 12 horas cun só día de descanso. Ademais, soportaban reiterados insultos e pagábaselles 600 euros cando se comprometeron mil euros ao mes.