A docente do Instituto Val do Asma, Tania Vázquez, respondeu á chamada da intervención educativa Palabra e Memoria, unha iniciativa do xornalista chairego, David Canto Veiga, encargado de recopilar e estudar a información recollida en toda Galicia, occidente de Asturias, o Bierzo e As Portelas (en Zamora).
No campo-santo da parroquia de San Salvador de Asma visualizou as inscricións realizadas por 253 familias e descubriu que 6 delas xa abriron as portas ao idioma galego escrito. Pola súa parte, en San Xurxo a porcentaxe é lixeiramente menor: o total de familias é de 246, das cales 3 mantiveron estabilidade en galego para redactar os textos de lembranza aos seus familiares. En Líncora e Camporramiro os resultados son semellantes.
Aínda que polo momento non foi realizado un estudo exhaustivo da documentación recollida entre algo máis de 1000 familias, a primeira vista chama a atención o distanciamento entre as expresións oral e escrita tan presente no conxunto da sociedade. Unha boa mostra témola en que a porcentaxe de inscricións funerarias en que aparecen as palabras “muller”, “home”, “fillos” ou “netos” están por debaixo da media galega (4%), se ben é certo que se nota a tendencia emerxente, moi especialmente nestes anos que levamos do século XXI. Este incremento local confirma a tendencia que se desprende do estudo realizado por David Canto: o cambio de tendencia produciuse nestes últimos anos e débese ao relevo xeracional: as primeiras persoas alfabetizadas en galego nos primeiros anos da etapa democrática pasan agora a ocuparse do coidado do lugar en que respousan definitivamente os seus parentes.
Desde o pasado mes de outubro a información panorámica está publicada nun mapa aberto á consulta pública presentado polo Consello da Cultura Galega: a “Cartografía do uso do galego nos camposantos” (https://datawrapper.dwcdn.net/4HeuT/38/), que contén información sobre 142 cemiterios e que está aberto á colaboración cidadá.
Tania Vázquez García (Chantada, 1993) é graduada en Linguas e Literaturas Modernas, no itinerario de Filoloxía Románica, coa mención de Premio Extraordinario polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Entre as súas publicacións cabe destacar a obra de autoría colectiva Mulleres medievais: textos e imaxes na lírica galego-portuguesa, coordinada por Esther Corral Díaz e Yara Frateschi Vieira. Na actualidade, é profesora de ensino secundario da especialidade de Lingua e Literatura no IES Val do Asma