5 residencias da Deputación en proceso de apertura para loita contra o Covid19

Estas infraestruturas atópanse nos concellos de Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil.

Ribas do Sil / Mago Rafa Youtube

A Deputación de Lugo pon a disposición da Xunta de Galicia os cinco centros residenciais que construíu e que ten en proceso de apertura para a súa utilización se é necesario para afrontar a crise do coronavirus Covid-19, co destino que a Administración galega considere, ben de asistencia sanitaria, aloxamento ou calquera outro que sexa preciso.

Estas infraestruturas atópanse nos concellos de Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil. José Tomé explicou que tomou esta decisión en consenso cos alcaldes destes municipios, cos que mantivo unha conversa para abordar e acordar esta medida de forma conxunta.

Nestas cinco residencias da Deputación poderíanse habilitar máis de 100 camas de xeito directo, ao que habería que sumar a posibilidade de acondicionar espazos comúns que terían capacidade para máis de 100 camas máis, polo que se porían a disposición máis de 200 camas individuais.

Para explicitar esta oferta, este luns o Presidente da Deputación enviaralle unha carta ao Presidente da Xunta formalizando a vontade de colaboración da institución provincial lucense en todo aquilo que sexa preciso co Goberno galego.  A Deputación puxo, fai unha semana, a disposición da Xunta de Galicia os medios da institución provincial para efectuar o reparto de material sanitario e de protección fronte ao Covid-19 entre os 67 concellos da provincia co fin de contribuír a axilizar o proceso de distribución dos equipamentos de protección e que se realice con criterios  equitativos e xustos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here