IniciosociedadeO sexismo mantén as desigualdades de xénero, insisten desde ASOCIM

O sexismo mantén as desigualdades de xénero, insisten desde ASOCIM

ASOCIM asegura que para reclamar a dignidade das mulleres hai que empezar por conseguir a dignidade dos postos de traballo do persoal técnico dos Centros de Información á Muller.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Na Declaración Universal dos Dereitos Humanos deféndese a igualdade entre homes e mulleres. A Declaración de Beijing (1995) estableceu obxectivos estratéxicos e medidas para o progreso das mulleres e acadar a igualdade de xénero. En España, a Constitución tamén garante a igualdade entre homes e mulleres. Ademais, existe unha Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero (LIVG) que abarca aspectos sociais, asistenciais, comunicativos, sanitarios, educativos, preventivos e penais; e desde 2017 España conta cun Pacto de Estado contra a violencia de xénero que une a institucións, organizacións e persoas expertas na formulación de medidas para a erradicación da violencia sobre as mulleres.

Segundo datos da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, 41 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas en España no que vai de ano, dúas delas en Galicia. En total son 1074 as mulleres asasinadas desde que se empezaron a contabilizar oficialmente o 1 de xaneiro de 2003.

Mobilízate contra o sexismo

ASOCIM, asociación de profesionais dos centros de información á muller, considera que as estatísticas non reflicten a realidade e complexidade das violencias machistas e que para lograr erradicalas é preciso un cambio estrutural que afecte a tódolos sectores.

O sexismo, segundo sinalan desde ASOCIM, “é unha das manifestación desas relacións de poder desiguais entre mulleres e homes que provoca a discriminación e impide o avance das mulleres na sociedade. Está presente en tódalas áreas das nosas vidas e prodúcese a nivel individual, institucional e estrutural. Os actos sexistas poden semellar inofensivos mais crean un clima de intimidación, medo e inseguridade para as mulleres.”  ASOCIM apoia a campaña do Lobby Europeo de Mulleres en España – LEM España ‘Movilízate contra el sexismo’, proxecto que parte das recomendacións do Consello de Europa e que rematará en decembro deste ano. “Erradicar a violencia que se exerce contra as mulleres está na man de todos e todas, e comeza con compromiso de educar ás novas xeracións en valores como a tolerancia, o respecto e a igualdade; propoñendo e fomentando activamente a corresponsabilidade, a coeducación, a construción de novas identidades femininas e masculinas; e rexeitando a violencia de xénero posicionándonos do lado das mulleres e menores vítimas,” sinalan desde ASOCIM.

O impacto da Covid-19 nos CIM

ASOCIM sinala que este ano o traballo desde a maioría dos CIM foi extremadamente difícil por mor da pandemia, “Aos problemas estruturais e déficits que arrastran estes espazos (falta de persoal, sobrecarga de traballo, excesiva burocratización dos procesos) houbo que sumarlle o confinamento e incerteza derivada da irrupción da Covid-19 nas nosas vidas.”

Esta entidade prevé que nos vindeiros meses a crise derivada da pandemia golpeará con forza ás mulleres (perda de traballos, menores ingresos, aumento da carga dos coidados) polo que haberá un aumento de consultas nos CIM, algo que moitos centros non poderán asumir por falta de persoal.

O comunicado de ASOCIM remata así, “Para reclamar a dignidade das mulleres hai que empezar por acadar a dignidade dos postos de traballo do persoal técnico dos Centros de Información á Muller. Só con CIMs ben dotados de recursos humanos e materiais será posible facer un traballo efectivo á hora de eliminar a violencia contra as mulleres e de apoiar, axudar e orientar ás vítimas.”

ÚLTIMAS

‘Volta ao xogo’: o novo single dos chantadinos TIAM Gz

Tras dous anos sen sacar temas, neste 2024 a banda de Chantada TIAM Gz...

Curso de ‘alquimia herbal’ en Torbeo, Ribas de Sil

Os e as amantes das plantas, e do seu poder medicinal, teñen a vindeira...

Rebaixan a pena dun veciño de Monforte condenado por violación

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo rebaixou, en aplicación da lei do...

O IES Río Cabe no centro da cultura financieira

Durante a xornada contouse coa visita da directora xeral de Ordenación e Innovación educativa,...