Este mércores a Anpa do Courel, xunto co colectivo de taxistas do concello, volveuse manifestar en defensa dun transporte escolar de calidade. No exterior do edificio multiusos da Xunta en Lugo, a súa presidenta leu un manifesto e trala concentración mantiveron unha entrevista con Carmen Areán, do servizo de inspección provincial, Margarita Sánchez Cabarcos, servizo de recursos educativos complementarios, e Javier Arias Fouz, delegado provincial da Xunta en Lugo.
A consellería paralizou, polo momento, o proceso de licitación dos novos contratos co obxectivo de “enmendar os erros” que no texto orixinal había. As reivindicacións de asociación seguen a ser mantemento das seis rutas actuais, mantemento de transportes de 8-9 prazas adaptados ás características da orografía e permitir que taxistas locais poidan seguir prestando o servizo.
Os nenos do Courel están a recibir o apoio de Anpas de toda Galicia, así como do mundo da arte e a cultura e outros sectores da sociedade. Tamén contan co apoio de STEG, CIG, CCOO, FETE-UXT, ANPE e CSIF. Na reunión da Xunta de Persoal que veñen de celebrar, móstranse contrarias aos cambios que se anunciaban nas últimas datas no servizo de transporte e amosaron a súa adhesión á concentración que se celebraba este mércores e comprométense a realizar un escrito apoiando a continuidade do servizo de transporte no Courel como reivindican os afectados.