IniciosociedadeLibrería Celia, 45 anos en Quiroga e vendendo tamén en catalán

Librería Celia, 45 anos en Quiroga e vendendo tamén en catalán

O comercio local está en perigo de extinción pero sempre queda xente con ilusión, ideas e optimismo para resistir. Este é o caso de Juan Luís, responsable actual desta librería-papelería, que apostou, entre outras cousas, por incluír o catalán na súa web e tenda online.

Publicado o

- Advertisement -

Librería Celia, é unha marca en Quiroga pero tamén fóra dos seus límites municipais. Este negocio cubriu as necesidades de moitas xeracións de clientes satisfeitos co servizo e a simpatía da súa fundadora Celia durante 43 anos. Celia ou “Celita” xa en confianza para toda a contorna. Dende hai dous está rexentada por Juan Luís cun aire renovado pero coa mesma vocación de servizo e con ganas de seguir crecendo. Atópase situada no centro de Quiroga, á beira da N-120 e nas portas do Courel.

Aínda que está especializada na venda de libros en tenda física e online a través da súa páxina web, ofrece tamén material escolar, de oficina e agasallos. Puntualmente tamén fai presentacións literarias, sen ir máis lonxe esta tarde organiza unha. Falamos con Juan Luís.

Toda unha responsabilidade e unha honra coller “o testigo” de Celia, verdade?

Por suposto, ela é toda unha institución en Quiroga, traballou moito e moi ben o que me facilitou e facilita moito o traballo.

Como foi a decisión de emprender e darlle continuidade a este negocio?

A decisión non foi fácil e máis nun momento económico como o actual. Ademais eu estaba traballando noutra cousa e estaba contento, pero xurdiu a posibilidade, porque Celia ia xubilarse e despois de meditalo pois decidín emprender este proxecto.

Librería e papelería. Necesario este complemento para tirar adiante?

Penso que nunha vila como Quiroga é completamente necesario. Compleméntanse moi ben, sobre todo para eses meses máis frouxos de venda e sobre todo para a época da volta as aulas.

Librería Celia. Foto: JL

Como se saca adiante o apartado de librería nun difícil momento para o sector?

Pois como todo na vida, traballando, dándose a coñecer e dando un bo trato ao cliente.

Hai xente que diferenza crise de librerías de crise de “libreiros”. Como o ves ti, Juan Luis?

Por desgraza moitas librerías das chamadas “de barrio” foron desaparecendo por mor das grandes superficies onde moitas veces non hai alguén especializado para asesorar o cliente. Unha vai ligada a outra.

Estase perdendo o trato especializado e amable do “libreiro”?

É o que che comentaba antes, como en todo negocio de barrio, o de toda a vida, non, non se está a perder.

Falta educación na lectura na comarca de Quiroga?

Rotundamente non. Obviamente hai de todo, lectores empedernidos e lectores ocasionais. E cónstanos que dende os centros educativos estase a traballar moito e ben para fomentar a lectura.

Supoño que te adaptaches ás novas tecnoloxías para “sobrevivir”. Vendes por internet?

Hai que adaptarse, na medida do posible as novas tecnoloxías. Si, vendemos a través da nosa web para o estado español agás Canarias, e tamén collemos pedidos que nos chegan a través do teléfono ou do correo electrónico.

Máis compradores de literatura presenciais ou virtuais?

Sempre máis presenciais, non se pode comparar.

Unha curiosidade. Por que tes tamén a opción de catalán na web da librería?

Hai preto 10 millóns de persoas que teñen como lingua nai o catalán (ou valenciano ou mallorquín) no estado español. É unha opción moi interesante a ter en conta. De feito moitas compras da web véñennos de aí.

De cando en vez tamén facedes presentacións. Este venres tedes unha, cóntame.

Si, este venres celebramos o “Día das librarías” e aproveitamos para ter unha presentación do novo libro da escritora valdeorresa Mencía Yano, “Vacacións na aldea”. Desta volta é un libro infantil que ademais está ilustrado por unha quiroguesa, Amelia Vila. A presentación será ás 18.00 h.

Mencía Yano e Amelia Vila nunha presentación anterior. Foto: JL

 

 

ÚLTIMAS

Aly Alma, artista con raíces en Quiroga, presenta “Violet Mood”, un espectacular show acústico en feminino

Alicia Losada, coñecida artisticamente como ‘Aly Alma’ e con orixes en Quiroga por parte...

Novo miradoiro á Ribeira Sacra de Soutochao

O concello lugués de Sober estreou o novo miradoiro de Soutochao, desde o que poden contemplarse...

Sur da provincia de Lugo e Costa da Morte, a Galicia con maior porcentaxe de persoas dependentes

O 4,19% da poboación galega estaba en situación de dependencia o ano pasado, cunha...

A Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra asina coa Universidade da Coruña a realización do seu Plan Director

Hai un mes a Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra celebraba unha xornada para presentar...