IniciosociedadeEstar ao tanto de enterros e aniversarios por Whatsapp xa é posible...

Estar ao tanto de enterros e aniversarios por Whatsapp xa é posible en Quiroga

Unha funeraria desta localidade creou hai dous meses unha ‘lista de difusión de Whatsapp’ para comunicar aos usuarios e usuarias do mesmo funerais, aniversarios e outros eventos relacionados co mundo funerario. Esta mesma empresa foi xa a primeira de Galicia en poñer esquelas en Facebook. Falamos co seu xerente, Miguel Ángel Garrido.

Publicado o

- Advertisement -

O máis común ata non hai moito era decatarse do falecemento de alguén polos veciños, nos taboleiros de anuncios parroquiais, na prensa ou na radio, pero os tempos cambian. Sábeno ben en Funeraria Tanatorio Garrido de Quiroga, que traballan en toda a comarca dando servizo tamén aos concellos de Folgoso do Courel e Ribas de Sil.

Tanto é así, que esta funeraria foi a primeira de Galicia en subir unha esquela ao Facebook e dende hai dous meses creou unha lista de difusión en Whatsapp para comunicar aos seus usuarios enterros, aniversarios e outros eventos relacionados. Falamos con Miguel Ángel Garrido da súa traxectoria e de tan curiosa e innovadora iniciativa.

Canto tempo hai que Funeraria Tanatorio Garrido traballa na Comarca de Quiroga?

Eu son xa a terceira xeración co cal xa te podes imaxinar o tempo que levamos na familia dedicándonos aos servizos funerarios. Como curiosidade contareiche que o primeiro coche que tivemos foi un Simca 1200, versión fúnebre, claro. Collín o relevo o un de xaneiro do ano 2000 e dende hai dezaseis anos tamén ofrecemos servizo de tanatorio.

Como lle afecta o despoboamento rural ao voso negocio?

Pois nótase bastante que baixa o traballo. Cada día queda menos xente nas aldeas e a emigración fixo moito dano na zona.

Pero non nos preocupa moito porque estamos abrindo novas vías de negocio. Temos unha “Academia de Formación en tanatopraxia” en Coruña e eu son avaliador a nivel de toda España.

Cóntame como é este mundo da tanatopraxia.

Os ‘tanatopractores’ somos profesionais que nos encargamos dos embalsamentos, das reconstrucións e da conservación dos cadáveres. É unha profesión regrada e imprescindible nas funerarias. Nós temos dúas persoas certificadas como tales na empresa pero aínda quedan moitas funerarias nas que este traballo o fai xente sen titulación específica, que nin saben nin poden facer estes traballos. Preparar un cadáver pode levar ata hora e media e non todo o mundo vale nin está preparado.

A innovación forma parte da vosa filosofía. Que me contas das comunicacións que facedes vía Facebook e vía Whatsapp?

Pois si, hai que ir cos tempos. O ‘boom’ das redes sociais fíxonos pensar e por iso no 2011 decidimos subir esquelas ao Facebook. Daquela fomos a primeira funeraria de Galicia que o fixo, lémbrome ben pois foi a esquela dun cura moi querido da zona. E dende ese momento funcionamos moi ben nesta rede social, como anécdotas dicirche que temos anciáns de 85-90 anos que están nela e que temos seguidores da páxina en Sudamérica e Australia. Hai incluso xente que ao non ver a necrolóxica dalgún falecido na páxina nos chaman a atención e temos que dicirlle que non se puxo por “non ter o consentimento expreso da familia”.

Por certo, vouche contar outra situación curiosa que nos pasou con esta rede social. Nunha ocasión contactounos unha familia de Venezuela despois de ver unha necrolóxica. Querían saber desa persoa e resultou ser un familiar deles co que había moitos anos que perderan a relación. Neste caso, e grazas ao Facebook, fixemos de mediadores para poñelos en contacto.

E dende hai 2 meses apostamos pola creación dunha ‘lista de difusión de Whatsapp’ para comunicar os enterros, aniversarios e outra información relevante aos usuarios da mesma.

Folleto informativo da ‘lista de difusión de Whatsapp’ nunha rúa de Quiroga / XdL

Como funciona esa ferramenta do Whatsapp?

As listas de difusión permiten facer unha listaxe de contactos aos que enviar mensaxes masivos pero coa particularidade de que os integrantes  dela non saben quen forma parte da mesma nin tampouco poden interaccionar mandando mensaxes. Nesa lista comunicamos enterros, aniversarios e outros eventos da funeraria pero tamén ofrecemos información útil como consellos para afrontar a morte dun ser querido, como eliminar perfís de finados no Facebook ou que é un testamento vital.

Que tal está funcionando?

Pois moi ben. A xente está contenta e cada vez temos máis usuarias e usuarios. Os maiores están poñéndose as pilas coas novas tecnoloxías e vanse enganchando a estas innovacións.

Sempre pensando no mellor servizo ao cliente?

Por suposto. Pensa que tamén fomos unhas das primeiras funerarias en poñer un teléfono gratuíto a disposición do cliente, temos cambiadores para os meniños, zona de xogos para nenos e nenas, servizo de envío de pésames a través da nosa web… En fin, melloras para satisfacer ao cliente que en momentos difíciles como a morte dun ser querido o que necesita é atención e comodidades.

Para rematar, dada a túa experiencia no sector, como cres que ‘vivimos a morte’ os galegos e galegas?

Persoalmente creo que os galegos levamos a morte con normalidade pero con moito respecto. Se hai que falar da morte fálase pero cada vez somos máis remisos a sacar o tema se non hai necesidade. Antigamente a xente tiña máis previsión de cara á chegada da morte pero hoxe apuramos máis en xeral, supoño que ao vivir máis anos e vivir máis intensamente o momento pensamos menos na despedida definitiva.

 

ÚLTIMAS

Unha apertura de portas nun encoro pon en perigo a dous pescadores en Carballedo

Os pescadores puideron saír polos seus propios medios despois de pedir axuda ao 112...

Primeira xuntanza sobre “Comunidades de Montes Veciñais e en Man Común, Montes de Saberes”, o 24 de abril ás 16:30 no auditorio de Escairón

A actividade enmárcase no proxecto Comunidades Rurais Sostibles desenvolvido por Acción contra a Fame...

Os libros protagonizan varias actividades en Bóveda

O programa Ler Conta Moito trouxo este martes ata o Centro Sociocultural de Bóveda...

Mes dos Libros e das Letras Galegas na Biblioteca Municipal de Chantada

A primeira proposta será o 26 de abril ás 18:00h con Conta e canta...