IniciosociedadeA Auga do Mollón para Guimaralia, un pobo orgulloso

A Auga do Mollón para Guimaralia, un pobo orgulloso

A Auga do Mollón é o título da revista municipal da Pobra do Brollón que se vén de presentar nun acto no que os veciños colaboradores na publicación compartiron os seus traballos como poetas, músicos e arqueólogos.

Publicado o

- Advertisement -

A Auga do Mollón nace cunha tirada de 1.000 exemplares e unha periodicidade semestral. Ao longo dunha trintena de páxinas recolle unha ampla editorial do porque desta iniciativa e do seu nome. O título da revista alude a unha fonte nas proximidades do campo da feira na capitalidade municipal, “a auga do mollón, que alegra o corazón”. E nace co obxectivo de dar a coñecer os eventos máis importantes que se deron no municipio nos últimos meses, facelo como un repositorio calmado e darlle perdurabilidade en papel; ao tempo que se aglutina e pon en valor todo o talento que hai na Pobra do Brollón.

A revista recolle dúas entrevistas que reflicten os dous perfís da Pobra, o tradicional a través da conversa con Maruxa do restaurante As Viñas que repasa 40 anos da Pobra do Brollón, e a actual e moderna, en conversa cos irmáns González, Álex e Martín do grupo musical Los Árboles. De feito a parte musical do acto foi responsabilidade de Álex González e, Suso 40 e Xosé do Incio.

Na revista hai dous poemas das escritoras locais Olga Novo e Noa Moreira, poemas que as dúas autoras leron para os asistentes á presentación. O poema de Olga Novo titulado,Totem, está adicado a seu pai e preséntase publicamente nesta revista. Profundízase en iniciativas importantes no concello, como a posta en marcha do albergue solidario, como punto de inflexión na xestión turística, a compostaxe comunitaria como proxecto modélico na contorna, e todas as actividades turísticas e culturais desenvoltas no municipio no verán e no outono.

Presentación A Auga do Mollón / Concello da Pobra do Brollón

O arqueólogo, Xurxo Ayán, inicia neste número unha serie sobre mulleres guímaras, comezando coa súa tía Irene, “Consideramos que as mulleres son as que levantan este país chamado Guimaralia.” Ayán fixo unha xenealoxía de como se chegaba a este día de presentación dunha nova publicación escrita na Pobra e despois de contextualizar arqueolóxicamente a importancia da palabra escrita situouse en hai 37 anos coa revista, O Guímaro, da Asociación Cultural “Samoeiro” e lía a editorial daquela primeira revista:

“A Asociación Cultural Samoeiro escomeza a publicación dunha revista informativa para que socios e alleos coñezan as súas actividade, quedando aberta unha sección adicada a todas as colaboracións que faciliten un mellor coñecemento do noso concello e a súa bisbarra para que canto mellor sexa o coñecemento maior sexa o cariño que sintamos polo noso concello para que cheguemos a construír unha identidade propia e sepamos valorar o noso, desfrutar das cousas e non precisemos buscar fóra o que só atoparemos en nós memos. Se somos capaces de valorar as cousas pequenas que nos rodean seremos algo máis felices.”

Esto é rompedor a día de hoxe, noutro momento por esto irías ao cárcere… sinala Ayán

“Os camiños da cultura ou do ocio oculto sempre son difíciles de seguir pola incomprensión dos incultos dos que só ven o que teñen diante e dos que se morren de envidia ao pensar que imos a ganar algo, pero para distinguirnos da masa aborregada hai que meterse a traballar e esquecerse desas xentes e facer que A  Pobra do Brollón, segundo as estadísticas, non sega sendo un dos concellos con menor número de titulados”. Ayán comparaba este editorial coa cantiga de cego do Suso 40, polo espíritu crítico que dixo vencellar a “Guimaralandia” desde pequeno.

A Auga do Mollón recolle tamén dúas colaboracións dos rapaces do colexio da Pobra do Brollón, que escriben sobre os brindos e os sequeiros, dous elementos identitarios do concello; e dúas chiscadelas sobre o achado de Atilano, un coloreable e a cantiga de cego composta por Suso 40.

Presentación A Auga do Mollón / Concello da Pobra do Brollón

Da introducir o acto encargouse o alcalde, Xosé Lois Maceda, que destacaba era unha teima do equipo de goberno poder facer unha publicación destas características e agradeceu que o editor, Xosé Gago, dinamizador turístico-cultural do concello, fose quen de dar forma a unha idea e facela posible. O rexedor local tamén se lembrou da Agrupación Cultural Samoeiro, “Vólvese a crear ese clima en canto a cultura, medio ambiente e patrimonio. Para nós é un motivo de alegría facer chegar o que somos aos nosos vecinos a través do papel.”

A publicación, que desde hoxe mesmo se comeza a repartir, progresivamente por todas as vivendas do municipio, está aberta á colaboración de todas as persoas interesadas, explicaba Xosé Gago; quen agradeceu a implicación de todos os colaboradores, “persoas que enriquecen a vida diaria da Pobra e esta publicación”.

Presentación A Auga do Mollón / Concello da Pobra do Brollón

ÚLTIMAS

Presentada en Taboada a programación de ‘RaizameS’

Conta atrás para a segunda edición de 'RaizameS' que se celebrará os días 10,...

Certames literarios e teatro para celebrar as Letras Galegas en Quiroga

O Concello de Quiroga ofrece varias actividades estas semanas para conmemorar o Día das...

A Xunta outorga autorización previa a unha planta fotovoltaica con 5.700 placas xunto ao parque eólico de Páramo

A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, da Consellería de Economía, Industria e...

Morre un motorista tras chocar un coche en Quiroga

Un motorista de 47 anos faleceu esta tarde de martes ao chocar contra un...