Emmely Föhring: “Encantaríame poder atopar torradas ou sobremesas cos nosos produtos en calquera restaurante do Castro de Ferreira”

Esta alemá decidiu buscar en España un lugar onde poder asentarse e, tras varios anos en Andalucía, chegou a Galicia. O lugar escollido foi Tanquián, en Deade, Concello de Pantón. Os nosos colaboradores de Segredos de Pantón valoran a súa iniciativa empresarial no rural e decidiron facerlle unha entrevista.

Emmely traballando na súa finca. Fonte: Tuta Fruta

Emmely Föhring e Paul Baker sentaron o seu campo base en Pantón coa idea de ofrecer un futuro en harmonía coa natureza á súa familia. Despois de anos elaborando conservas para autoconsumo atoparon que a súa produción ía a máis e pensaron que poderían compartila cos demais. Así foi nacendo Tuta Fruta, unha liña de marmeladas e zumes de froitas ecolóxicas que elaboran na súa ecogranxa e vivenda de Tanquián. 

Para comezar a entrevista queriamos saber como decidistes vir dende Alemaña a Pantón e que vos levou a escoller o noso municipio e non outro?

Chegamos a Galicia despois de vivirmos en Andalucía durante varios anos. Buscabamos terras fértiles, onde fora doado vivir da terra e crear un lugar autosuficiente para a miña familia e amigos. Escollemos Galicia pola abundancia de auga, ausencia de plantas nucleares e outras industrias contaminantes. Ao final asentámonos en Pantón pola recomendación e axuda duns amigos que viven en Espasantes.

Traballando a terra en Tanquián. Foto: Emmely F.

Cando e porque decidistes dar o paso cara á produción de marmeladas e zumes?

Despois de dedicar dez anos a levantar o sitio e as leiras chegamos a producir mais froita da que necesitabamos para autoconsumo durante un ano. Decidimos converter isto en conservas e así evitar os problemas que causa a venda en fresco, aumentando o valor da froita.

Invernadeiro na finca de Tanquián. Foto: Emmely F.

De onde vén o nome de “Tuta Fruta”?

Xa era un costume de deixar escoller os nomes para os nosos animais e sitios da leira aos cativos. Foron eles que inventaron “Tuta Fruta” pensando en “Todo Froita”.

Cales son as diferentes marmeladas e zumes que elaborades en “Tuta Fruta” e cal pensas que sería o voso maior éxito comercial?

As nosas marmeladas e zumes son elaborados exclusivamente de nosa propia colleita. Como vendemos da autosuficiencia iso significa que temos pequenas cantidades e gran diversidade. Neste momento ofrecemos 14 sabores distintos en marmeladas: framboesa, pexego, figo, claudia, claudia e noz, pera e sabugueiro, pexego e casca de limón, froitos do bosque, grosella negra, grosella vermella e grosella negra, xelea de grosella vermella, framboesa e ruibardo, amoroso e ruibardo. Tamén zumes de prensa directa de mazá, uva negra e uva branca e siropes -concentrado liquido para diluír con auga- de grosella vermella, grosella negra  e framboesa. É imposible dicir cal é o mellor produto, porque cada persoa ten outras preferencias de sabor.

Marmeladas Tuta Fruta. Fonte: Emmely F.

Tras todos estes anos elaborando conservas ecolóxicas, como vai a vosa traxectoria e como vedes o futuro, algún proxecto? 

Estamos constantemente inventando novas combinacións de sabores, dependendo das colleitas que varían segundo o ano. Tamén nos gustaría ofrecer obradoiros  para persoas que queiran aprender o arte de conservar froita e elaborar medicamento procedente de herbas e raíces. Encantaríame poder atopar torradas ou sobremesas cos nosos produtos en calquera restaurante do Castro de Ferreira, que atrevan a apostar máis polos produtos locais.

Para rematar a entrevista, de modo máis persoal, cal é a túa marmelada favorita e cal sería o teu lugar preferido de Pantón para gozar desa torrada?

A miña marmelada favorita é a de froita do bosque, que esta elaborada combinando amorodos e framboesas máis grosella vermella e negra. O meu sitio preferido para tomar algo cos amigos é nos Castros da Feira pola súa terraza bonita e no Mesón da praza do concello, polas súas tapas tan boas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here