HomeSucesosAlarma por danos sufridos en oliveiras da Comarca de Quiroga

Alarma por danos sufridos en oliveiras da Comarca de Quiroga

Veciños das parroquias de Montefurado, en Quiroga, e de Peites, en Ribas de Sil, alertan de danos en plantacións provocados por esgazamentos e cortes de polas novas. As posibles causas que se barallan son o aproveitamento dos abrollos para ‘viveirar’ novas oliveiras ou o seu uso para o Domingo de Ramos.

Publicado o

- Advertisement -

O aceite da contorna de Quiroga e a aposta de particulares e empresas polo cultivo e a comercialización está dando moitos titulares ultimamente. A calidade e diferenciación do produto sumada á publicidade que se lle está dando e ás expectativas comerciais que se presentan, empeza a xerar un “efecto contaxio” no que se refire ao aproveitamento deste ouro líquido da comarca.

O que para algúns é unha recuperación anecdótica, tan só buscan coidar as oliveiras antigas e ter aceite para autoconsumo, para outros empeza a ser a “galiña dos ovos de ouro” e están a viveirar novas oliveiras das variedades autóctonas con gran potencial comercial no horizonte.

Así as cousas, a demanda de oliveiras autóctonas para novas plantacións está aumentando tanto que “viveirar novas oliveiras” empeza a verse como negocio, sobre todo tratándose de oliveiras autóctonas da Comarca de Quiroga que non se atopan en viveiros tradicionais.

Veciños da parroquia de Montefurado, en Quiroga, e de Peites, en Ribas de Sil, están atopando desfeitas en oliveiras da súa propiedade ocasionadas por cortes e ‘esgazamentos’ de abrollos novos. O destino das polas arrincadas e/ou cortadas, segundo explica un veciño, puido ser a súa utilización para viveirar e xerar varias plantas de oliveira autóctona das variedades brava e mansa, aínda que non se desbota tampouco a hipótese do seu uso para confeccionar os ramos no domingo anterior á Semana Santa.

Oliveira danada. En vermello os esgazamentos.

Algúns cortes de gallas novas foron feitos con tesoira, e vese un corte limpo, pero noutros casos o corte é “por esgazamento” das polas o cal prexudica gravemente á oliveira. Ese tipo de corte á forza non cicatriza ben e por el poden entrarlle ás árbores enfermidades como a tuberculose. Os afectados por estes danos láianse do mal ocasionado e alertan de que, ademais dun aproveitamento do traballo alleo, os/as culpables da desfeita están ocasionando graves danos que poden afectar á saúde futura das oliveiras.

Marcas dos esgazamentos practicados a unha oliveira.

Polo pouco que se vai sabendo hai danos localizados en oliveiras da contorna da estrada LU-933 ao seu paso entre Montefurado e Vilaster, no Concello de Quiroga, e na marxe do río Sil a carón da N-120 preto da desembocadura do río Bibei, na parroquia de Peites no Concello de Ribas de Sil.

ÚLTIMAS

O colectivo Lemos Le celebra o ‘Día das Bibliotecas’

O colectivo Lemos Le, formado por bibliotecas escolares, bibliotecas públicas municipais (BPM) e a...

Remata a pavimentación da rúa Calvo Sotelo de Monforte cun investimento de 183.000€

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, e...

A piscina climatizada de Monforte incrementa nun 86% o número de abonados desde a súa reapertura trala reforma

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, amosa a súa satisfacción pola evolución experimentada...

CSIF denuncia que Correos mantén sen cubrir preto do 60% do persoal de repartición de Monforte

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) denuncia a grave falta de persoal...