Fogos artificiais, verbenas, concertos e festivais cómicos para unha semana de celebración en Monforte

Do 11 ao 16 de agosto Monforte vestirase de gala para as súas festas máis prezadas do ano, as Patronais.

Fogos artificiais/Youtube

O martes 31 de xullo tivo lugar a presentación oficial das Festas Patronais de Monforte. O alcalde, José Tomé Roca, acompañado da Concelleira de Cultura, Marina Doutón, deron a coñecer o programa desta nova edición. Segundo declaracións do alcalde, “dende que entramos no goberno, sempre tivemos o firme compromiso de exaltar un dos alicientes da nosa cidade como son as festas patronais. E é que Monforte merécese unhas festas que estean á altura da súa relevancia. Por outra banda, consideramos que coa programación que ofrecemos, axudamos a dinamizar a economía da zona. Sempre quixemos que os turistas tivesen estas datas nas súas axendas pois, para nós, son de vital importancia”.

Por iso, para abrir o cartel deste ano, a monfortina Julia Otero será a pregoeira. O sábado 11, ás 20:30 horas, dende a Casa do Concello, a xornalista encargarase de dar o pistoletazo de saída a unha semana de intensa actividade cultural. De seguido, inaugurarase a iluminación artística instalada nas rúas e posteriormente, ás 23:00 horas, a monfortina Sara Burgo, co seu grupo Bleset, encherá a cidade de música electrónica e letras descaradas.

O domingo 12 a xornada dará comezo ás 12:00 h. co grupo de gaitas do Concello que ofrecerán a alborada polas rúas da cidade, para posteriormente, ás 13:00 reunirse cos Cabezudos na Praza de España. Pola tarde, será a quenda da formación monfortina Xograres de Lemos que ofrecerán un pasarúas dende Carude ata o centro.  A variedade musical deste segundo días das festas correrá a cargo da orquestra Solana, que actuará ás 23:00 e as 2:00 na Praza da Compañía. A esa mesma hora, ás 23:00 horas, na Praza de España actuarán o grupo Por mi Swing, que deleitará ós asistentes con música vintage dance band, swing e claquette entre outas variedades. Os leoneses Café Quijano poñerán a guinda do pastel dese día ás 00:30 horas na Praza da Compañía.

O luns 13 a xornada comezará de novo ás 12:00 h. co grupo de gaitas do Concello. Este día o seu percorrido comezará no barrio da Estación ata o centro. O concerto estrela da xornada será o que ofreza Seguridad Social ás 00:30 horas na Praza da Compañía. Pero dende as 23:00 a zona estará repleta de música grazas á orquestra Trebol que tamén actuará ó finalizar o concerto principal.

A véspera do día grande, o martes 14, a alborada sairá dende o Campo de San Antonio como todos os días ás 12:00 h. Xa pola tarde, ás 20:30 a Asociación Cultural Amigos da Pandeireta de Monforte percorrerán as rúas da cidade dende o barrio da Estación para ás 23:00 h. na Praza de España gozar do concerto da banda de música de Sober. Para os que prefiran outro estilo de música, a veciña do Incio, Lucía Pérez actuará á mesma hora na Praza da Compañía e, tras ela, será a quenda do grupo de moda Gin Toni´s que, tras o éxito acadado o ano pasado, non perderán a oportunidade de encher a Compañía por segundo ano consecutivo.

O día grande das festas, o mércores 15, ás 9:30 da mañá lanzaranse 21 bombas de palenque e posteriormente, ás 10:00, todos os interesados en homenaxear á Patroa da cidade do Cabe, teñen unha cita xunto coas autoridades no Campo de San Antonio para ir camiñando ata a Igrexa de San Vicente do Pino acompañadas de da Banda de Gaitas e do Grupo de Baile Tradicional. Tras a misa de 11, darán comezo as alboradas conmemorando o Día do Gaiteiro. A xornada de celebración de tan sinalada data, rematará ás 20:30 cunha mostra de danza e música tradicional na Praza de España. Ás 23:00 a orquestra encargada da verbena será Nebraska. O día 15 sempre foi o día dos fogos artificiais de aire e para iso, ás 23:30 farase un percorrido dende o malecón coas xa coñecidas barcas engalanadas dende onde se poderá gozar do espectáculo de foguetes que dará comezo ás 00:00 horas. Amaia Montero será a encargada de poñerlle o broche de ouro a un día repleto de actividades.

Xoves, 16 de agosto. Fin das festas. Como todos os días haberá pasarúas ás 12:00 e pola noite, ás 23:00 actuará a orquestra Los Trovadores. Tras unha hora de música, ás 00:00 horas será o quenda dos fogos artificiais de auga que este ano contarán con algunha sorpresa. Tras eles, dará comezo o concerto de Efecto Pasillo, e finalmente, ás 2 da mañá a orquestra Los Trovadores pecharán esta nova edición das Festas Patronais de Monforte.

Vi festival cómico festivo a rúa é vosa

Como en edicións anteriores, durante as xornadas de celebración, os máis cativos tamén teñen o seu programa elaborado. Por sexto ano consecutivo vaise celebrar o Festival Cómico Festivo a Rúa é Vosa.

O domingo 12 ás 13:00 e ás 20:15 horas, na Praza de España dará comezo esta nova edición coa actuación de Uxía Lambona e a banda molona. Os nenos asistentes serán partícipes dun concerto moi divertido, cheo de baile e con versións dos clásicos da música galega en diferentes estilos musicais.

O luns 13 o festival estará adicado ó mundo do circo. Kicirke actuará ás 13:00 e 19:15 horas na Rúa Cardenal. Unha actuación que combina técnicas de circo, clown e teatro cómico participativo.

O martes 14 a maxia inundará Monforte. O Mago Charly Braun será protagonista indiscutible do público máis cativo na Rúa Cardenal ás 12:00 e 19:15 horas. Ese mesmo día, ás 13:00 e ás 20:15 a mestura de música, circo e humor correrá a cargo de Infoncundibles.

E finalmente, o mércores 16 o festival xunto coas festas, chegará ó seu fin. Ás 12:00 e ás 19:15 Clowntamination achegará ós cativos ó home máis forte do mundo mentres que Up2down, actuarán ás 13:00 e 20:15 no Cardenal onde amosarán un espectáculo sedutor sen límite de idade, logrando que o espectador perda a noción do tempo e gañe un sorriso.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here