HomeTerra de LemosSoberPrisión para a muller que sacou cartos da conta dun home falecido...

Prisión para a muller que sacou cartos da conta dun home falecido en Sober

Investígase se a muller, veciña de Vigo, tivo responsabilidades na morte do home.

Publicado o

- Advertisement -

Axentes da Garda Civil detiveron a unha veciña de Vigo, de nacionalidade venezolana, como presunta autora dos delitos de roubo con forza, pertenza a grupo criminal, branqueo e un posible delito contra as persoas, tras subtraer diñeiro da conta bancaria dun septuaxenario para o que traballaba, e que apareceu morto no seu domicilio de Sober.

Segundo informaron fontes do Instituto Armado, a investigación iniciouse o pasado mes de febreiro en Sober, tras ser localizado o corpo sen vida dun veciño septuaxenario no interior da súa vivenda. Os primeiros indicios apuntaron que se trataba dunha morte natural, pero a Garda Civil comezou as pescudas tras unha denuncia da familia do falecido, que alertaba de que se realizaron numerosas transferencias desde a súa conta a outras contas bancarias de terceiros, por un importante total de 37.500 euros.

Os axentes pescudaron que unha muller de nacionalidade venezolana, residente en Vigo, realizaba de forma esporádica tarefas domésticas na vivenda do home. De feito, a sospeitosa estivo a residir en casa da vítima durante varios días, antes do seu falecemento.

Segundo os investigadores, a muller aproveitaba cando o seu empregador estaba a durmir polas noites para realizar transferencias bancarias desde o móbil do home a varias contas de persoas de diversas nacionalidades, residentes en Pontevedra, As Palmas, Marín e Madrid, coas que se puxo de acordo previamente.

O prexudicado presentouse, pouco antes de falecer, na súa entidade bancaria para realizar unhas xestións, e decatouse das transferencias bancarias que se fixeron. Tras isto, regresou á súa vivenda, onde se atopaba a súa empregada e, dous días despois, o seu cadáver foi atopado por un veciño na casa.

Froito das investigacións, a Garda Civil puido comprobar que, ademais das transferencias a contas bancarias, a sospeitosa fixera unha transferencia de 9.000 euros a unha clínica estética de Madrid para a realización dun tratamento. Ao cabo duns días, con todo, solicitou o reembolso do diñeiro, alegando que non podería someterse á intervención porque se contaxiou de Covid.

A muller detida foi posta a disposición do xulgado de Instrución 1 de Monforte de Lemos, que decretou o seu ingreso en prisión provisional. A investigación, en todo caso, segue aberta, e non se descarta que se lle imputen novos delitos, se se pode determinar que non prestou socorro ao home no momento do seu falecemento.

ÚLTIMAS

O territorio do Lor e o Xeoparque Montañas do Courel confírmanse como referencia para o trail running a nivel nacional

A XII edición do Quiroga Trail Challenge vén de rematar cun gran éxito de...

Sober presenta o cartel da Feira do Viño e a programación do Mes do Amandi

O deseño que anuncia a Feira do Viño de Amandi presentouse no miradoiro de...

211.000€ na mellora da eficiencia enerxética de espazos públicos en Carballedo

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes investiu 211.000 euros en diversas actuacións no...

O PP esixe do Goberno do Estado unha intervención “integral e inmediata” na N-120

Os deputados populares denuncian que esta vía, esencial para a comunicación entre Lugo e...