HomeEconomíaRibas de Sil aposta pola cereixa e o aceite

Ribas de Sil aposta pola cereixa e o aceite

Esta fin de semana terá lugar na Praia Fluvial de San Clodio a XVI edición dunha festa que pon en valor estes dous produtos autóctonos de alta calidade.

Publicado o

- Advertisement -

O concello de Ribas de Sil, no sur de Lugo , presume de ter unhas 500 hectáreas destinadas ao cultivo de cereixas e olivas, motivo de sobra para crer no potencial económico que teñen como fonte de ingresos e de cara á creación de proxectos empresariais. Aproveitando esta realidade hai xa dezaseis anos que se celebra esta mostra para darlle saída e promocionar estes produtos no enclave turístico da Praia Fluvial de San Clodio, á beira do Sil.

Roberto Castro, tenente alcalde e responsable da organización, coméntanos que este ano haberá 6 expositores de cereixas e de aceites pero tamén outros de mel, viño, castaña seca, marmeladas, pan, noces, figos secos, produtos da horta, licores ou artesanía. “Esta festa gastronómica naceu coa intención de promocionar dous dos produtos máis característicos da zona pero comprobaredes que temos moitos máis cando vos acheguedes esta fin de semana ao noso concello”, engade.

Recinto feiral. Foto de arquivo.

Respecto aos produtos estrela calcúlase que se poñerán á venda uns 2.000 quilos de cereixas e uns 300 litros de aceite. En palabras de Roberto “a cereixa e o aceite de Ribas de Sil son dous produtos únicos, de recoñecida calidade e sabor, características que se ven favorecidas polo seu microclima”.

Un dos produtores do lugar presente cada ano é Miguel Ángel Rodríguez que comercializa cereixas e o seu aceite Cento x Cento Figueiredo, “certificado como ecolóxico e con trazabilidade de variedades autóctonas, brava e mansa galegas” segundo nos comenta. Recoñece ademais que aposta pola liña ecolóxica e a recuperación de oliveiras abandonadas no seu Figueiredo natal e tamén na contorna. Camiño da excelencia, e para darlle o valor que realmente ten este aceite, colabora en diferentes estudos de institucións como a Universidade de Vigo, a Universidade de Córdoba ou a Università Politécnica delle Marche en Italia e non perde a ocasión para presentar o seu produto en feiras como a de “Alimentaria” en Barcelona semanas atrás.

Aceite “Cento x Cento Figueiredo” de Miguel Rodríguez

Para esta fin de semana ten pensado levar uns 200 litros do seu aceite ecolóxico e uns 400 quilos de cereixas. Preguntámoslle polas cereixas deste ano e en palabras del “este ano hai moita produción, espectacular, non teño tempo de collelas e vánseme perder moitas porque son unha froita moi delicada, aguanta pouco” e engade “de sabor están boas, quizais lles falte algo de grosor e de doce porque veu pouco sol, pero a cor, o brillo e a carnosidade características non lles faltan”.

O Goberno Provincial colabora coa celebración desta cita gastronómica e turística cunha achega de 6.000 euros do Plan Único e o Concello destina 2.000 euros.

Roberto Castro coméntanos para rematar que a contorna da Praia Fluvial ademais de servir de marco incomparable para este evento, no que non faltará a animación musical e algún espectáculo infantil, ten un enorme potencial turístico. A carón dela comezaron xa as obras de construción do “Xeocamping Municipal de Ribas de Sil”, un espazo de máis de 7.000 metros cadrados con oito bungalows e que poderá aloxar a preto de 100 persoas. Un aloxamento que dará servizo a visitantes da Ribeira Sacra e do Courel pero tamén a peregrinos do Camiño de Inverno e a turistas do futuro “Xeoparque Montañas do Courel” unha vez recoñecido como tal pola Unesco.

Programa de actividades

Sábado 9

-Ruada a cargo do Grupo de Gaitas de Ribas de Sil e apertura do recinto feiral ás 11:00 h.

-A partir das 18:00 h. xornada de pintura ao aire libre e exposición de pinturas a cargo dos alumnos da Escola Municipal na Aula de Pesca.

-19:00 h. Presentación do libro dedicado á aldea de Vilardomato “Loyda” de Loyda López .

-19:30 h. Fútbol, 11º Trofeo da Cereixa na Área Deportiva da Praia Fluvial.

-20:30 h. Festa a cargo dun grupo musical.

Domingo 10

-Apertura do recinto feiral e ruada do grupo de Gaitas da Escola de Música de Ribas de Sil a partir das 11.00 h. Exposición de pinturas na Aula de Pesca.

-12:00 h. Actuación da Banda de Música de Antas de Ulla (Programa “Musiqueando” da Deputación de Lugo).

-13:00 h. Pregón a cargo de Fidel Fernán Bello, xornalista e Director de Radio Principal Cadena Ser.

-17:00 h. Demostración de “talla de madeira” a cargo do artesán Marcos Ladra Sanjurjo no anfiteatro.

-19:00 h. Espectáculo musical con monicreques de fío a cargo de “Títeres Alakrán”.

-A partir das 21.00 h. clausura da festa.

ÚLTIMAS

Publícanse as axudas para a conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra

As persoas que se poderán beneficiar destas axudas serán aquelas viticulturas que estean inscritas...

Éxito do Voleibol e do Atletismo Cross, novidades nas Escolas Deportivas Municipais de Chantada

Nesta edición destaca o éxito de dúas actividades para nenos e nenas, o Voleibol...

O PP de Monforte interesarase no pleno pola “legalización” do Parque do Hospital

Ante esta situación, a voceira popular en Monforte, Katy Varela, explica que no vindeiro...

José Luis Álvarez sobre o 2025: “Teremos finalizada a residencia e teremos un novo centro médico a 50 metros do actual”

O Concello de Pantón remata o ano cunha bandeira colgada do balcón da Casa...