Os deputados do Grupo Provincial Popular advirten a PSOE e BNG, tralo anuncio de reparación da estrada LU-P-4112, en Pantón, que as obras de reparación “non sirven para ocultar os anos de abandono da rede viaria provincial, ata o punto de poñer en risco a prestación do transporte escolar”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, considera que “PSOE e BNG tiveron durante anos esta estrada nun estado lamentable, sen realizar o mantemento necesario, e só reaccionaron cando a empresa de transporte puxo sobre a mesa a gravidade da situación e advertiu de que estaba en xogo a seguridade dos escolares”.
Ameijide considera que o anuncio de reparación “chega tarde e que agora o que se necesita son feitos, non máis promesas. Non abonda con anunciar que se vai arranxar a estrada; é imprescindible actuar con celeridade, sen demoras inxustificadas”. O informe remitido pola empresa ao Concello de Pantón, para o seu traslado á Deputación como titular das estradas afectadas, advertía de que catro das rutas escolares que realizan no municipio estaban afectadas, en maior ou menor medida, polo deficiente estado de conservación de distintos treitos da rede viaria.
En concreto, na LU-P-4112 sinalaba o tramo comprendido entre a intersección coa LU-P-4106, no coñecido como Cruce do Reguengo, e a aldea de Galegos, que presentaba desde había aproximadamente dous anos numerosos baches, deformacións e irregularidades na calzada que dificultaban a circulación e afectaban especialmente aos vehículos destinados ao transporte escolar.
Os populares lembran que levan tempo reclamando máis recursos para o mantemento da rede viaria, cun incremento de 10M€ nos fondos destinados ao mantemento, así como un plan de actuación urxente que dea prioridade ás estradas con maiores danos ou máis tempo sen mantemento e esixen o arranxo urxente da LU-P-4112, así como de toda a rede viaria porque “coa seguridade dos lucenses non se pode xogar, pero moito menos coa de menores de idade”.

