De Lugo a Escairón, pasando por Monforte de Lemos e Antas de Ulla. A quinta edición de Ningún Aro Sen Rede arrincou novembro cunha intensa ruta pola provincia, na que a Fundación Breogán e a Oficina Verde da UNED Lugo achegaron a educación ambiental a centos de escolares a través dunha proposta que combina reciclaxe, economía circular e baloncesto.
CITAS EN CONCELLOS DO SUR DE LUGO
O 2 de novembro ‘Ningún aro sen rede’ estivo en Escairón, no concello do Saviñao, onde o alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria e de 4º da ESO do CPI Dr. López Suárez coñeceu o funcionamento do proxecto. O centro xa conta cun colector de material de escritura usado, instalado xunto á entrada do comedor, co que toda a comunidade educativa poderá contribuír á iniciativa.
O 4 de novembro foi a quenda do Colexio Padres Escolapios de Monforte de Lemos, onde a comunidade escolar sumouse ao reto de recuperar bolígrafos, rotuladores e outros útiles de escritura que xa remataron a súa vida útil.
A INICIATIVA
Este ano é o quinto aniversario de Ningún Aro Sen Rede, iniciativa que recupera a participación dos centros implicados en tempadas anteriores e incorpora sete novos colexios, coa previsión de reunir preto de 50 centros educativos da provincia. Impulsado pola Fundación Breogán e a UNED Lugo, a través da súa Oficina Verde, coa colaboración de Ecoballution, o proxecto converte a recollida de material de escritura usado nunha experiencia colectiva que conecta as aulas co deporte e coa protección do medio ambiente.

