Toda actividade encamiñada a recuperar e divulgar o noso folclore e as nosas tradicións merece respecto e admiración, e máis aínda coas dificultades de arraigo nun contexto como o actual onde o comercial marxina o tradicional.
Na Asociación Cultural Peleriños levan 24 anos promovendo a música e o baile tradicionais galegos, un labor importante para Sarria, vila que conta tamén con outra mítica agrupación folclórica, “Meigas e Trasgos”, entidade a partir da cal se creou Peleriños.
Falamos con Roberto Quiroga, membro e vogal de Peleriños, para que nos conte algo máis da asociación e das súas actividades.
Como entraches en contacto coa A.C. Peleriños?
De pequeno, tiñas uns 10 anos e leváronme meus pais, pero non me gustaba. Pasados os anos, volvín pola miña conta, e desta vez gustoume.
Bailas, tocas algún instrumento?
Empecei tocando a gaita e agora bailo e toco o bombo.
Consideras que hai arraigo da música tradicional e o baile en Sarria?
Hai, hai… Sarria é unha vila onde sempre houbo tradición. Pensa en “Meigas e Trasgos”, que dicir deles, un dos grupos tradicionais máis grandes da provincia. Só pensando que convivimos, e moi ben, as dúas agrupacións pois imaxínate se hai afección e seguimento.
Cantos socios/as sodes?
Non sei dicirche agora con exactitude pero arriba de cen.
Que actividades organizades durante o ano, ademais desta xuntanza?
Durante o ano ofrecemos clases de pandeireta, de canto, de baile e de percusión e gaita en diferentes niveis; e no verán impartimos un curso especial para nenos e nenas.
Teñen moita demanda as clases?
Pois despois dunha época frouxa pola que pasamos podo dicirche que estamos a vivir un repunte, estamos nun momento bo con moita demanda.
O pasado mes de xuño xa tivestes a X Xuntanza infantil. Hai canteira logo?
Si, estamos moi contentos/as. Os rapaces e rapazas aguantan moitos anos e iso é bo sinal, sinal de que hai continuidade.
Como se financia unha entidades en ánimo de lucro como a vosa?
Pois xa te podes imaxinar, sobrevivimos practicamente da autofinanciación. Con cotas de socios/as, co cobro simbólico das clases, coa venda de lotaría e camisolas, coa barra do bar na organización dos Cantos de Taberna de Sarria…
Este sábado, 10 de agosto, celebrades a XXIII xuntanza. Cóntanos.
Dos 24 anos de vida da asociación levamos con este 23 edicións desta celebración conmemorativa. Ás 19:00 h. faremos un pasarrúas dende o Malecón e ás 19:30 h. serán as actuacións na Praza da Vila de Sarria. No escenario estará o grupo convidado, este ano chegado de Portugal, ‘Rancho folclórico da Casa do Povo de Souto’ e a continuación actuarán as diferentes formacións da A.C. Peleriños.
É habitual que o grupo folclórico convidado sexa de fóra?
Gústanos traer variedade e dar a coñecer outras manifestacións folclóricas alén de Galicia. Por esta xuntanza teñen pasado grupos de Asturias, León, Canarias, Menorca, Polonia, República Checa…