HomeMedio ambiente e PatrimonioEspectacular achado no Castro de San Lourenzo, na Pobra do Brollón

Espectacular achado no Castro de San Lourenzo, na Pobra do Brollón

O equipo de arqueólogos que traballan no lugar, veñen de atopar un esqueleto medieval "practicamente completo" e "en moi bo estado de conservación".

Publicado o

- Advertisement -

O Castro de San Lourenzo non para de dar sorpresas, para ben do patrimonio arqueolóxico do concello da Pobra do Brollón e por extensión tamén de Galicia. Hoxe, martes 13 de agosto, paradoxicamente será lembrado como un día de gran sorte polo achado dun novo esqueleto en excelente grao de conservación que aportará unha valiosa información para seguir a investigación e aumentar o interese polo patrimonio agochado neste lugar de Cereixa.

A campaña arqueolóxica comezou o 15 de xullo e finaliza este xoves 15. Está promovida pola asociación veciñal da parroquia, o Concello da Pobra do Brollón e a Universidade de Lisboa, coa participación dun campo de traballo internacional subvencionado pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta.

“A lei de Murphy é implacable. Levabamos case un mes de campaña. Pero é sempre nos últimos días dunha campaña cando sae o máis espectacular”, destacou Xurxo Ayán, director arqueolóxico e investigador do Instituto de História Contemporánea da Universidade de Lisboa.

Baixo a dirección de Ayán, o equipo de tres arqueólogos, unha antropóloga e 14 voluntarios do campo de traballo estaba a escavar unha igrexa e necrópoles medievais no recinto do castro. No lado norte dos restos da igrexa medieval atopábase a monumental tumba do esqueleto.

Estes restos súmanse aos do famoso Atilano da campaña do ano pasado, pero o novo individuo está “moito mellor conservado”. Os ósos están “máis enteiros e achegarán máis información”, segundo informa o Concello nunha nota de prensa.

ÓSOS CHEOS DE información

O esqueleto atopouse nunha tumba de lousas, sen enchido de terra. “Neste tipo de tumbas créase un espazo baleiro que propicia a conservación dos restos”, explicou a antropóloga física Candea Martínez.

Ao levantar a primeira lousa, con presenza de medios de prensa advertidos polo que podía acontecer, xa se albiscou un cranio perfectamente conservado, con dentadura incluída. Outros ósos conservados son os coxais -da zona da pelve-, que xuntos ao cranio poden permitir definir a idade e o sexo do individuo, aínda que por agora é pronto para valoralo.

Imaxe da excavación onde se apreza a presenza do esqueleto. Foto: Prensa Pobra do Brollón

Martínez fai tamén unha valoración “moi cautelar” baseada nunha primeira observación dos ósos na que comenta que “é posible que o esqueleto sexa de muller”.

A dentadura achega información crucial sobre a dieta. “Coa análise de isótopos estables pódese saber a dieta que tivo o individuo na súa infancia, a partir de se consumiu máis proteína de peixe ou de carne; isto dá pistas da orixe da persoa”, explica.

A primeira vista, nesta dentadura nótase un “gran desgaste”, o cal pode vir motivado por factores varios como a idade ou a dieta. Para ter datos máis exactos, haberá que esperar aos resultados de laboratorio.

A partir dos restos de ósos tamén se poderá obter información sobre a idade, patoloxías e calidade de vida do individuo. E quizais tamén se podan obter datos sobre a época na que viviu grazas á técnica do ‘Carbono 14’.

Para concluír, e respecto á datación, adianta a nota de prensa do Concello da Pobra que os restos do esqueleto achado poden corresponder ao período altomedieval. Segundo afirma Xurxo Ayán, polo tipo de tumba e o contexto arqueolóxico podemos situarnos entre os séculos VIII e XII, pero todo apunta a que os restos sexan máis ben do XI ou XII.

Para falar con maior precisión haberá que esperar ás analíticas de laboratorio e segundo se informa tamén, o equipo de traballo rematará mañá de exhumar os restos óseos achados.

ÚLTIMAS

Pazo de La Cuesta en San Clodio, a adega familiar máis antiga de Galicia e das máis antigas de España

O acto, que tivo lugar na sede do IEGPS (San Roque, 2, Santiago de...

Ribeira Sacra ao 65% de ocupación nesta Ponte das Letras Galegas

A ocupación é moi semellante a esta ponte en anos anteriores. Como apuntan desde...

A Fundación San Rosendo adxudica as obras da residencia da terceira idade de Pantón

Para a posta en marcha deste servizo a Fundación San Rosendo destina case 1.500.000€....

Trofeo ao equipo alevín do C.B. Val de Lemos como gañador da Liga de 2ª provincial

O equipo monfortino recibiu o trofreo correspondente á Liga de 2ª Provincial de baloncesto,...