En agosto do 2012 nacía unha Festa Romana en Montefurado, concretamente os días 18 e 19 dese mes. A idea tivo unha gran acollida, foi un éxito de visitantes e gozou dunha importante repercusión informativa.
Sería, deste xeito, a segunda festa de recuperación do legado romano no Concello de Quiroga despois da ‘Festa do Ouro’ de Margaride que este ano chegou á súa IX edición. Dous anos despois, no 2014, nacería o ‘Qui-Roma’.
A celebración romana de Montefurado tivo continuidade ata o 2015, ano no que se deixou de facer, e neste 2019 rexorde por petición popular dos veciños e veciñas desta parroquia, segundo nos conta Alberto, o impulsor dende aquel 2012 da recuperación do pasado romano deste lugar. Aproveitamos a ocasión para falar con el da organización do evento.
Como naceu aquela I Festa Romana de Montefurado?
O meu interese polo mundo romano e ser orixinario de Montefurado deu pé a que tivese a idea de organizar algo aquí para dar a coñecer o patrimonio tan grande que temos polo paso dos romanos por estas terras. Funcionara moi ben e á maioría de veciños e veciñas gustáralle a idea. Aínda que faltou apoio económico o evento saíu ben e incluso nos felicitara xente do Concello de Quiroga.
“este ano os veciños e veciñas estaban especialmente animados”
Despois de 3 anos de paréntese volvedes?
O parón foi importante, e deixouse de facer por diversos motivos pero este ano os veciños e veciñas estaban especialmente animados e fixeron que eu me volvese implicar para botala adiante de novo.
Quen organiza a Festa Romana este ano?
O pobo de Montefurado, a xente que se está implicando para botala adiante, e o colectivo Pax Romana no que son membro. A Asociación Boca do Monte tamén colabora na difusión e noutros detalles.
En Quiroga, con este, hai tres eventos relacionados co mundo romano. Paréceche excesivo? É posible coordinar a súa celebración e buscar a colaboración entre eles?
Igual si pode parecer excesivo que haxa tres… pero tamén creo que poden convivir e habería que camiñar cara unha coordinación para non desgastarse nin crear rivalidade.
“podería crearse algún tipo de comisión organizadora das tres festas para coordinar o desenvolvemento das tres conxuntamente”
Algunha idea para iso?
A ver, podería crearse algún tipo de ‘comisión organizadora’ das tres festas para coordinar o desenvolvemento das tres conxuntamente. Podería, por exemplo, facerse unha sola, e que no mesmo día haxa tres localizacións diferentes, cada unha coa súa temática e características propias. Ou incluso facela en 2 ou 3 xornadas seguidas pero ‘vendela’ como algo unitario e potenciar cada un dos tres escenarios interesados por igual.
En calquera caso, o voso enfoque é principalmente cultural?
Si, aquí en Montefurado a nosa intención é potenciar o aspecto máis cultural da cultura romana.
“sempre houbo tradición e temos un campo de bolos espectacular na praza da Igrexa”
Este ano tedes un campionato de Bolos Celtas. Como xurdiu incluír esta actividade no programa?
Aquí sempre houbo tradición e temos un campo de bolos espectacular na praza da Igrexa. Hai anos que se comentaba a posibilidade e nesta ocasión, despois de ir varios veciños a Anguieiros ao seu campionato, decidiuse darlle para adiante. Animo dende aquí á participación, teremos 3 premios para homes e 3 premios para mulleres e cobrarase 2 euros de inscrición.
Como vos financiades?
Sen ningún tipo de axuda pública. Cento por cento coa axuda dos veciños e veciñas, vendendo rifas e poñendo bar.
Será este ano o da recuperación da ‘Festa romana de Montefurado’?
Esperamos que si. Todo apunta a que sairá ben, na cea romana temos arriba de cen persoas anotadas e xente de fóra interesada na programación relacionada coa divulgación do legado romano na zona.
Programación completa
O sábado 24 pola mañá terá lugar unha ruta divulgativa do patrimonio romano de Montefurado e arredores. O guía será “Caio Virio Frontón”, a saída será ás 11:30 h. dende a Praza da Igrexa e coñeceranse as excavacións romanas dos arredores e tamén a Boca do Monte, túnel romano espectacular e ‘xoia da coroa’ do pasado romano en Quiroga.
Pola tarde, a partir das 18:30 h. terá lugar o campionato de bolos celtas no campo da praza da Igrexa e tamén dous interesantes obradoiros de acuñado de moedas e de escritura romana. A partir das 21:30 h. Cea e festa romana con música.
O domingo 25 pola mañá tamén se realizará unha sesión cultural, neste caso relacionada co exército e a forma de dominio e control que exercía nas súas conquistas. Haberá exhibición de armamento e charlas sobre as funcións de control sobre a poboación e as minas romanas.