Homesociedade307.048,68 euros para dar solución aos problemas da Rúa Cardenal de Monforte

307.048,68 euros para dar solución aos problemas da Rúa Cardenal de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer o pasado 18 de setembro o proxecto de repavimentación da, segundo palabras del, "rúa máis emblemática pola que veciños e visitantes, pasan nalgún momento”.

Publicado o

- Advertisement -

O proxecto enmárcase dentro do plan do Equipo de Goberno do Concello de mellorar a cidade, algo que se levou a cabo en máis de 80 rúas da cidade durante o anterior mandato e que continua nos tres meses que levan transcorridos da nova etapa de goberno.

A rúa Cardenal foi feita peonil nos anos 90, durante o mandato do goberno Popular, e dende un primeiro momento houbo queixas sobre a súa pavimentación, incluso do propio goberno municipal, que criticou o traballo levado a cabo pola empresa encargada de levar a cabo as obras. Co paso do tempo, as raíces da zona das árbores foron levantando os adoquíns do seu arredor, o cal ocasionou caídas e lesións, sobre todo de persoas maiores, nos últimos meses.

Neste senso, José Tomé indicou que “o inicio deste novo mandato adquirín o compromiso de arranxar este problema de pavimento na rúa Cardenal e para elo encarguei a principios do mes de agosto un proxecto para analizar todas as deficiencias da rúa e darlles unha axeitada solución”.

O proxecto foi elaborado pola empresa monfortina Abante que, tras analizar con rigor a situación, concluíuse que é necesaria unha reforma integral da rúa do Cardenal. Este proxecto será levado, para súa aprobación, ao Pleno ordinario municipal que se celebrará o vindeiro luns día 30 de setembro. Neste mesmo pleno o proxecto será dotado da financiación necesaria para a súa execución.

O rexedor municipal destacou que “esta obra nin é sinxela nin é barata pois supón, como vimos de explicar, levar a cabo un laborioso e complexo traballo de mellora sobre a rúa do Cardenal. O prezo de licitación da mesma será de 307.048,68 euros”.

Trátase dun investimento relevante que terá que ser levado a cabo por unha empresa que teña capacidade para desenvolver as accións e traballos descritas no proxecto de Abante e que se deron a coñecer publicamente á prensa e aos cidadáns a través da web do concello.

Respecto ao financiamento da obra, dende o concello sinalan que será levado a cabo con remanentes de fondos municipais, que tamén serán levados ó Pleno do día 30. De aprobarse ese día o proxecto da rúa Cardenal e o seu financiamento, será publicado no Boletín Oficial da Provincia, e unha vez resoltas as alegacións (se as houbera) a previsión é publicar a licitación da obra a finais do mes de outubro. En palabras do propio alcalde, “é intención do Equipo de Goberno que dirixo adxudicar a obra antes de que remate o presente ano, que se poidan iniciar as obras arredor de febreiro ou marzo e que estean rematadas antes de maio, causando as menos incomodidades posibles”.

ÚLTIMAS

Folión das fachas de Vilelos, unha tradición que se remonta aos castrexos

Asociación de Veciños de San Martiño de Vilelos organiza dende o ano 2008 a...

Monforte traballa na rexeneración do firme da rúa Vigo e pecha o punto limpo por melloras ata o 29 de setembro

Este mércores comezaron as obras de renovación do firme da rúa Vigo, no Casar,...

A Deputación cederá a Casona do Incio e unha parcela na Maiorga, en Pantón, aos respectivos concellos

Ambas decisións responden ás peticións que os respectivos alcaldes lle fixeron á presidenta da...

O BNG de Monforte entrega as primeiras alegacións recollidas contra o proxecto da nova ponte do Malecón

O BNG de Monforte vén de presentar no concello unha primeira remesa das alegacións...