HomeMedio ambiente e PatrimonioDemándase unha Estratexia Local para o patrimonio material e inmaterial de Chantada

Demándase unha Estratexia Local para o patrimonio material e inmaterial de Chantada

Por Chantada CUP presenta unha moción para o estudo, catalogación, conservación e divulgación do Patrimonio material e inmaterial do Concello de Chantada e a posta en marcha dunha Estratexia local para o Patrimonio e o turismo 2020-2030

Publicado o

- Advertisement -

No patrimonio do concello de Chantada destacan o Castro Candaz, gravemente ameazado pola turistificación sen control, as recentemente descobertas pinturas góticas e renacentistas da igrexa románica de Nogueira de Miño e os exemplos de románico como Santa María de Pesqueiras.

Por Chantada CUP lembra que o patrimonio chantadés vai alén de ficar reducido aos casos de renome mediático. Por iso insiste na importancia do coñecemento e divulgación do legado pasado como pobo, ao entender que brinda “infinitas posibilidades de aproveitamento no presente, incluíndo o seu racional valor de uso e de cambio, contribuíndo a xerar unha identidade positiva, autocoñecemento e emprego local”.

Como antecedentes desta moción, Por Chantada CUP vén denunciando as agresións a elementos patrimoniais (hórreos, Mosteiro de San Salvador, camiño centenario de Belesar, capela do Faro…) e ten presentado alegacións “a un plano de urbanismo que xa é anticuado e ineficaz antes sequera de nacer, numerosas alegacións na defesa no patrimonio”.

Na moción pídese especial atención, tamén, para o patrimonio inmaterial como a lingua galega e a súa riqueza xeolectal, a toponimia, as artes do espectáculo, en especial a danza e a música; os coñecementos e usos relacionados coa natureza, por exemplo, as herbas e as súas propriedades curativas; as técnicas artesás tradicionais, actividades produtivas e procesos; o legado das figuras históricas senlleiras na configuración da identidade cultural,…

 

Folión de carros / turismo.gal

Segundo Por Chantada CUP é necesaria a catalogación, conservación e divulgación do patrimonio local de Chantada para o coñecemento de toda a cidadanía. Para a creación deste rexistro a formación aposta por un grupo de pesquisadores interdisciplinar que inclúa especialistas nos campos da filoloxía, da historia, da antropoloxía, da arte e xuristas especializados na lexislación de protección patrimonial.

Museu Terras de Asma

Por Chantada CUP propón o impulso do Museu Terras de Asmaque podería pór en valor o muíño da Alameda e o edificio do Concello próximo. Un museu en dous espazos paralelos que foren a casa da emigración, do Folión de Carros, dos batuxos e das xacías, dos mecos e dos volantes, dos xugos e dos traballos, das vítimas e da resistencia ao fascismo… En definitiva, a casa da memoria e da reafirmación fachendosa da nosa tradición e da nosa identidade.”

ÚLTIMAS

O Trail galego das categorías infantil, cadete e xuvenil adéstrase en Chantada

Unha vintena de nenos e nenas chegados de toda Galicia, acompañados polo preparador e...

‘Val de Quiroga de tapas’: a tapa gañadora coñecerase tras o pregón da Feira do Viño de Quiroga

O 'Val de Quiroga de tapas' celebrou a súa décimo terceira edición neste comezo...

Os coidados como saída laboral a debate este 24 de abril no Ecocentro Natureza de Monforte

O vindeiro xoves, 24 de abril, o Ecocentro Natureza de Monforte de Lemos (á...

Búscase cartel para a Feira Guímara da Pobra do Brollón

O Concello da Pobra do Brollón vén de anunciar a convocatoria para o primeiro...