A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, realizou unha visita á Ribeira Sacra co obxectivo de coñecer de primeira man a situación do sector vitivinícola e abordar os principais desafíos de futuro que afronta a comarca. No marco desta xornada, Miranda mantivo unha xuntanza de traballo co presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe e cunha
representación de viticultores locais.
O encontro tivo como escenario principal a Ribeira do Cabe, un espazo emblemático onde se desenvolveu unha demostración práctica sobre o terreo. Os profesionais do sector amosaron á eurodeputada o funcionamento dos sistemas de aplicación de produtos fitosanitarios, analizando polo miúdo os niveis de deriva que xeran e os controis técnicos e ambientais que
resultan necesarios para garantir a sostibilidade da viticultura heroica.
Durante o intercambio de impresións, os produtores trasladaron a necesidade de impulsar medidas que permitan o abaratamento dos custos de produción, un factor clave para asegurar a viabilidade económica das explotacións.
Acompañando esta demanda, tratouse con especial prioridade a incorporación de novos activos á viticultura desta Denominación.Os participantes coincidiron en que garantir a remuda poboacional constitúe, hoxe en día, un dos grandes retos estratéxicos para frear o despoboamento e asegurar a continuidade social, e o tecido económico e cultural que representa a Ribeira Sacra.

Ana Miranda demostración drons sector vitivinícola / BNG

