HomeEconomía'XX Premio Aresa' de Desenvolvemento Rural

‘XX Premio Aresa’ de Desenvolvemento Rural

O certame anual que impulsa esta empresa en colaboración coa USC, Universidade de Santiago de Compostela, busca premiar e recoñecer a aquelas persoas, institucións e empresas que contribúan a mellorar o benestar do medio rural de Galicia en base á agricultura e á gandería. A presentación de candidaturas pode realizarse ata o 25 de outubro.

Publicado o

- Advertisement -

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel Armesto; o presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e a adxunta á presidencia do mesmo, Carlota López, participaron o 24de setembro na Vicerreitoría de Lugo no acto de presentación das bases do XX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural.

Na súa intervención, a vicerreitora do campus de Lugo destacou o feito de que esta colaboración fixese posible o apoio a “empresas moi significativas para a provincia de Lugo e para toda Galicia”. Así mesmo, fixo alusión á “visión de futuro” que tiveron no seu momento tanto a Universidade como o grupo Aresa ao crear este galardón: “hoxe, o desenvolvemento rural xa está nas axendas de todas as institucións políticas, é unha das claves da PAC, pero hai 20 anos non era así”, sinalou.

O presidente de Aresa lembrou que o obxectivo principal desta convocatoria é “contribuír ao benestar das persoas do medio rural” e referiuse tamén á importancia de mellorar a situación do sector a fin de fixar poboación e traballo no rural. “Para iso, agricultores e gandeiros só teñen un camiño, que é producir mellor, máis barato e con mellor calidade para que os nosos produtos poidan chegar a mercados exteriores”, engadiu.

Rodríguez Eiras tamén puxo en valor a iniciativa da súa empresa dando a coñecer proxectos empresariais importantes de Galicia, “no curso destes anos nós obtivemos un beneficio engadido ao chegar a industrias e compañías das que non tiñamos coñecemento e que nos sorprenderon gratamente pola súa modernidade e a súa aposta pola investigación”.

Entre os proxectos gañadores do sur de Lugo en edicións anteriores están a D.O. Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007) e o CRAEGA, Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, organismo establecido en Monforte e merecedor do premio o pasado 2018.

Aspectos que se valoran na convocatoria do premio

Para a avaliación das candidaturas, o xurado prestará especial atención a proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego, teñan viabilidade económica, incidan na creación de postos de traballo, poñan en valor os produtos da terra de tradición galega, recuperen subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e supoñan unha innovación en produtos que teñan potencial de desenvolvemento.

A presentación de candidaturas para esta edición pode realizarse ata o 25 de outubro nos rexistros da USC e pódese acceder ás bases a través da web de ARESA.

ÚLTIMAS

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...

Máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias de Monforte

A formación ofertada tiña por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do...

Juan Bouzo, o Caldelao que chega aos 104 anos

Juan Bouzo, un veciño de Castro Caldelas que alcanzou a idade de 104 anos,...