HomeMedio ambiente e PatrimonioInauguración da 'ruta dos xeomiradoiros' de Ribas de Sil

Inauguración da ‘ruta dos xeomiradoiros’ de Ribas de Sil

O Moto Clube A Curuxa de Quiroga, en colaboración co Concello de Ribas de Sil, organizan este domingo 27 un roteiro con paradas en varios miradoiros de gran interese paisaxístico e xeolóxico.

Publicado o

- Advertisement -

O pasado mes de agosto, na VI Concentración Moteira que organizaba o Moto Clube A Curuxa de Quiroga, contemplábase a realización dunha saída dominical para inaugurar a ruta dos xeomiradoiros do Concello de Ribas de Sil pero por mor da choiva tívose que suspender. Este domingo 27 será o día no que se leve a cabo finalmente a actividade na que se percorrerán varios miradoiros con espectaculares vistas de puntos de interese xeolóxico.

A saída dos/as motoristas participantes está prevista para as 11:00 h. da mañá dende a Casa do Concello de Ribas de Sil en San Clodio. Dende aquí pasarase por Rairos e subirase a Torbeo onde se atopa o primeiro miradoiro, o “Xeomiradoiro Pena do Ladeiro”. Ten máis de 20 anos e foi restaurado recentemente, dende aquí pódese ver a desembocadura do río Lor e Augas Mestas.

Deixando Torbeo, a ruta continúa ata o “Xeomiradoiro da Cubela” dende o cal se pode gozar da espectacular vista do coñecido meandro da Cubela. A partir de aquí ascéndese ao “Alto do Coto”, entrando un pouco na provincia de Ourense e pasando polo Miradoiro de Pena do Xastre en Castro Caldelas, con mámoas tamén para visitar na contorna. O roteiro continúa entrando tamén un pouco no Concello de San Xoán de Río e, xa no “Alto da Moá”, os/as motoristas encamiñaranse cara Ribas de Sil.

A seguinte parada será o “Xeomiradoiro das Fontes”, “o mellor para ver a inmensidade do xeoparque cos vales fluviais do sur e os pregamentos” segundo nos di Roberto Castro, tenente de alcalde de Ribas de Sil. Nesta parada, sobre as 12:00 h., reuniranse os 3 alcaldes dos concellos por onde pasa a ruta, a alcaldesa de Castro Caldelas, o alcalde de San Xoán de Río e o de Ribas de Sil como momento protocolario para a inauguración oficial da ruta. A continuación, o Director do Museo Xeolóxico de Quiroga, Ramón Vila, ofrecerá unha breve explicación sobre o Xeoparque Mundial Montañas do Courel.

Baixando xa para chegar ao punto de partida quedará por ver o “Xeomiradoiro da Pómez” dende onde se divisa o Val de Quiroga.

As actuacións para acondicionar a ruta dos xeomiradoiros está financiada polo Concello de Ribas de Sil e, en maior medida, pola Dirección Xeral de Turismo e o Plan Leader a través do GDR Ribeira Sacra-Courel como accións de valorización do Xeoparque.

Convocatoria do Moto Clube A Curuxa para a ruta

ÚLTIMAS

O PP de Monforte reclama que a Deputación ceda os terreos da Finca de Tor a iniciativas agrogandeiras

O PP de Monforte defenderá no vindeiro pleno ordinario unha moción para que o...

Folión das fachas de Vilelos, unha tradición que se remonta aos castrexos

Asociación de Veciños de San Martiño de Vilelos organiza dende o ano 2008 a...

Monforte traballa na rexeneración do firme da rúa Vigo e pecha o punto limpo por melloras ata o 29 de setembro

Este mércores comezaron as obras de renovación do firme da rúa Vigo, no Casar,...

A Deputación cederá a Casona do Incio e unha parcela na Maiorga, en Pantón, aos respectivos concellos

Ambas decisións responden ás peticións que os respectivos alcaldes lle fixeron á presidenta da...