HomeOpiniónCousas Xacobeas : Vilanova de Sárria

Cousas Xacobeas : Vilanova de Sárria

A vocación xacobea da vila cabeceira da comarca sustentou dentro dela ata tres hospitais para peregrinos e un hospital de gafos en Maside que gozaban de rendas destinadas ao seu fin fundacional; exercer a caridade cos peregrinos pasaxeiros pobres aos que xenerosamente acollían.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

Pasada a Ponte de Sárria o peregrino entraba na Vilanova de Sárria, despois chamada A Pobra de Sárria e dende o século XVI coñecida como Vila de Sárria. Esta poboación naceu en, por e para o Camiño baixo o patrocinio de Afonso IX, rei de León e Galicia, que a fixo nacer como vila real, e que foi dotada de carta pobra, cuxo texto se descoñece e que ben podería seguir o esquema do Foro de Milmanda ou ben o das ordenanzas dadas por este rei para as pobras do bispado de Lugo.

Este burgo novo foi fundado darredor do ano 1194, seguindo o mesmo desexo manifestado coa creación dás pobras de Triacastela, Portomarín, Melide e Arzúa: a protección e asistenza aos peregrinos xacobeos.

Sarria / conmimochilacuestas. blogspot.com

A Vilanova de Sárria contou axiña cunha fortaleza, un mosteiro con hospital, dúas igrexas, catro capelas, un macelo e catro pontes, todo isto xurdido non eixo formado pola rota xacobea, o camiño do Courel, o Camiño de Lugo e o Camiño de Aranza.

A vila real contou con voto en Cortes, e representantes seus participaron nas soadas Cortes de Burgos, aínda que no século XIV perdeu a condición cando foi cedida ao Conde de Lemos, baixo cuxo señorío se mantivo ata 1820.

Camiño diferente levaron o Condado de Sárria e a Fortaleza alzada no outeiro de entrerríos (Bardadelo-Celeiro e Sárria), que foron pasando polas mans de moi variados tenentes, moitos deles caídos en desgraza ao pouco tempo, ao depender da concesión real, sen sucesión familiar, e despois de estar suxeita a fortaleza aos Reis Católicos, acabaou sendo dada por estes ao Conde de Lemos e máis adiante recibiu o título de Marqués de Sárria. O Marquesado de Sárria abranguía as Cinco Pobras (Sárria, Adai, San Xulián, Santo Estevo de Neira de Susao e Triacastela ), baixo dun Meiriño , Xustiza Maior ou Correxidor-Alcaide da Fortaleza.

A vocación xacobea da vila cabeceira da comarca sustentou dentro dela ata tres hospitais para peregrinos e un hospital de gafos en Maside que gozaban de rendas destinadas ao seu fin fundacional; exercer a caridade cos peregrinos pasaxeiros pobres aos que xenerosamente
acollían.

Igrexa de San Salvador / conmimochilacuestas. blogspot.com

As igrexas da vila e o Mosteiro da Madalena foron lugar de acollida para os corpos dos peregrinos falecidos ao seu paso por estas terras. Polas normas fundacionais o señor da terra (titular da fortaleza) e os alcaldes da pobra, viñan obrigados a darlles protección aos peregrinos, mantendo a estrada pública libre de foraxidos, eliminando malpasos e coa obriga de ter en bo estado a rota e as súas pontes. Para conseguir eses fins, os responsables podían esixir dereitos de pontaxe-pasaxe (Rexemento da Vila- Concello) e de castelaxe (o señor territorial-alcaide da Fortaleza), que non se esixían aos peregrinos e que eran esixibles aos pasaxeiros e traxinantes, e con esas aportacións contribuían aos arranxos das pontes, rúas e fortaleza.

A Vilanova de Sárria naceu como vía lonxitudinal, cun barrio anexo (A Pedreira) e entre 1194 e 1240 xa tiña rematadas as obras das dúas igrexas parroquiais (San Salvador e Santa Mariña). A base territorial da Pobra e o seu alfoz estaban baixo do dominio das igrexas, do arcediago de Sárria na catedral de Lugo e do mosteiro da Madalena, e o Señor do Condado, agás a percepción dalgunhas rendas, non posuía bens raíces fóra do exclusivo soar da fortaleza.

Mosteiro da Magdalena / conmimochilacuestas. blogspot.com

En entregas vindeiras falaremos das pegadas xacobeas presentes no Arrabaldo, na igrexa de Santa Mariña, non Hospital Lanuxe e non Hospital de Santo Antón Abade, na Fortaleza, na igrexa de San Salvador, en Santiago do Mercado, en Santa María de Barbadelo, en Santa María Madalena e o Hospital de San Roque- Hospitaliños Novos e na Ponte da Áspera. Pegada xacobea viva ao longo dos anos nese espazo que aíndabchamamos “A Vila” onde o xeroso xesto da acollida sempre foi sinal de identidade para as sucesivas xerazóns de sarriaos.

ÚLTIMAS

O empresario orixinario de Pantón, Gerardo Rodríguez, segue levando o sabor de Galicia a Madrid

Anos despois seguíulle dando forma ao seu proxecto e puxo en marcha no 2018...

Detidos dous veciños de Sober por roubar un martelo hidráulico das obras da A-6

A Garda Civil detivo a dous veciños de Sober de 32 e 40 anos de idade...

O concello do Incio contará cunha nova área recreativa en Trascastro

A actuación vaise desenvolver en dúas fases. Na primeira delas, o alumnado está a...

O BNG de Taboada demanda actuacións urxentes na N-540 e chama a unha manifestación o 3 de maio

O grupo municipal do BNG de Taboada vén de presentar unha moción que será...