O que comezou sendo unha toma de contacto entre os entendidos no mundo do aceite que ían participar no I Congreso Internacional do Aceite de Quiroga, acabou sendo un “mini congreso” como o denominou o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, no que se falou dos beneficios deste aceite, dos estudos e análises feitos e da liña a seguir para chegar a unha boa comercialización.
No encontro virtual afirmouse a importancia do Aceite de Oliva Virxe Extra (categoría á que pertence o aceite de Quiroga) para axudar a previr as enfermidades cardiovasculares. O doutor Carlos González Juanatey (Xefe cardioloxía do HULA) afirmou que este aceite “é un suplemento fundamental de prevención cardiovascular” certificado por moitos estudos.
A Universidade de Vigo, a través das profesoras Beatriz Cancho Grande e Carmen González Bouza, levou a cabo a investigación na que se comprobou que as oliveiras brava e mansa do val do Sil son variedades autóctonas. Tras esta comprobación agora estudan este aceite coas axuda dos olivicultores da zona. Traballan tamén nun proxecto co Hospital de Ourense, no que o vindeiro ano farán un ensaio con persoas diabéticas, para demostrar que o consumo deste aceite autóctono pode mellorar a saúde destes enfermos.
Manuel Rafael Pérez Prados e Fernando Vázquez Miranda, do Servizo de Industrias e Calidade Agroalimentaria (ICA), apoiaron ao Concello de Quiroga á hora de estudar e analizar o aceite. Cualificaron de “algo moi especial” o que se atopa nas 66 hectáreas dedicadas a este cultivo, das que 42 son de oliveiras autóctonas, máis mansa que brava, cunha produción que rolda os 25.000 litros de aceite anuais. Ademais hai en proxecto outras 33 hectáreas preparadas para ceder a súa explotación por AGADER.
As propiedades saudables do aceite
A gran cantidade de contido fenólico do aceite de Quiroga foi o que destacou o profesor Feliciano Priego Capote do departamento de Química Analítica da Universidade de Córdoba. O consumo preferente de calquera aceite de oliva é de 18 meses, transcorrido ese tempo perde gran parte do seu contido fenólico – afirmou – polo tanto a súa maior propiedade saudable. O que os aceites de Quiroga dupliquen e incluso tripliquen o seu contido fenólico, fai que transcorrido este período aínda conserven a cantidade precisa para seguir sendo saudables segundo os parámetros marcados pola Unión Europea. En palabras de Priego Capote “isto pode ser algo que serva para diferenciar o aceite de Quiroga e darlle un valor engadido”. Nos compostos fenólicos do aceite de oliva inflúen a variedade de oliva, os traballos agronómicos e etnolóxicos (proceso no muíño) e o procesado, no que o filtrado é esencial.
Francisco Lorenzo Tapia, outro dos doutores participantes no encontro virtual; amosou o seu apoio ao aceite de oliva a través da calidade e da cultura da oliveira e o medio ambiente, que comparte con outros cultivos, para rematar nun beneficio para a saúde.
Demostradas as propiedades beneficiosas do aceite de Quiroga nesta vídeo conferencia tamén se trataron as técnicas de elaboración e a súa comercialización. O codirector de Arco Agroalimentaria, Maximiliano Arteaga, marcou como obxectivo buscar a máxima calidade do froito, empezando pola obtención da planta e rematando polo procesado final, para chegar á comercialización.
No encontro non faltou o apoio político ao aceite de Quiroga coa presencia do senador do PP, José Manuel Barreiro e do delegado territorial, José Manuel Balseiro. O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, cualificou este encontro como o primeiro congreso e emprazou a todos os participantes para acudir o vindeiro ano ao congreso presencial do Aceite de Quiroga.