Un total de 50 alumnos e alumnas comezan este luns, 15 de xuño, o período teórico nos 4 cursos de formación especializados e, a principios de xullo, iniciarase un de autoemprego. Debido á situación derivada da Covid-19, as sesións terán unha modalidade mixta, cunha parte telemática e outra presencial.
As especialidades son: Hostalería e Turismo, no que participan 14 alumnos e que vai impartir a Asociación de Hostalería de Monforte de Lemos; Agricultura e Gandaría, participan 8 alumnos, darao Unións Agrarias na Granxa Gayoso Castro; Medio Ambiente, a formación a 9 alumnos será en Pedrafita do Cebreiro a cargo da Asociación Sectorial Forestal Galega; Enerxía e Auga impartirase no Valadouro, participarán 13 alumnos e corre a cargo da Asociación Empresarial Eólica; e, por último o de Autoemprego, que realizará a formación a asociación de Xoves Empresarias e Empresarios da Provincia de Lugo.
Estas formacións teóricas rematarán o 13 de xullo e darán paso ao período práctico. Na segunda fase do programa, a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas que recibiron a formación, e poidan así adquirir experiencia laboral. O importe da axuda que recibirán as empresas será de 4.410€ por cada persoa contratada.
Pola súa banda, os traballadores e traballadoras contratados percibirán como mínimo 900€ ao mes. Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 5.510€ para poñer en marcha o seu proxecto empresarial. Este plan de emprego conta cun orzamento de 300.000€ achegados nun 92% polo Fondo Social Europeo.

