HomeOpiniónImaxes inéditas da antiga “Eléctrica de Pantón”

Imaxes inéditas da antiga “Eléctrica de Pantón”

O colectivo Segredos de Pantón achégannos á historia desta fábrica da luz e dános a coñecer unhas imaxes en 3D que recrean esta construción.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón

Comezo da empresa

- Advertisement -

A empresa nace da man de José Moure Losada, empresario da vila do Castro de Ferreira, cando na segunda década do século pasado puxo os primeiros pasos para a apertura da fábrica da luz. A base da Eléctrica de Pantón estaba no Río Couto ou Rego de Fondós no Concello de Carballedo. Antes de montala neste paraxe pensouse facer o propio no Quello, nun lugar próxima á fervenza de Augacaída, pero foi imposible.

A antiga ‘Eléctrica de Pantón’. Foto: Flora Enríquez

No boletín oficial da Deputación de Lugo do día 30 de maio de 1921 decláranse de utilidade pública os terreos de propiedade particular na contorna da central.

O proxecto foi obra de Ramón Lafortet Cividanes, que contaba xa con experiencia nestas obras tendo custado a súa instalación 50.000 pesetas.

Eléctrica de Pantón abastecería electricidade aos concellos do Saviñao, Sober e Pantón. Nestes municipios os núcleos de poboación que tiveron luz eléctrica foron entre outros, Marce, O Castro de Ferreira, Escairón, Morgade, Sober e Canabal.

O 18 de xaneiro de 1934 transfírese a titularidade da empresa a Fructuoso Enríquez Moure co fin de mellorala e ampliala. Finalmente, en xaneiro de 1952 transfírese a fábrica da luz do Rego de Frondós a FENOSA, que era a concesionaria do aproveitamento hidroeléctrico do río Miño dende 1948; e as liñas de transporte de enerxía e redes de distribución á Sociedade Xeral Galega de Electricidade (S.X.G.E.).

Traballadores

A maioría dos empregados eran da propia familia ao ser esta unha empresa de carácter familiar, pero tamén había veciños de aldeas da contorna da estación.

Aínda que ao comezo a maioría eran traballadores da aldea de Sacardebois, no Concello de Parada de Sil, ao estar alí unha fabrica da luz xa existente e traer eles experiencia na devandita empresa ourensá.

Os traballadores do Castro de Ferreira aos inicios da vida da eléctrica acudían ata o lugar do Castelo nunha moto Royal Enfield, preto de Marce e dende alí cruzaban en barca. Xa nos anos 1940 tiñan unha furgoneta Fiat que pertencera ao exército.

Imaxes de flora enríquez en 3D que recrean a Eléctrica de Pantón

Fin da “Eléctrica de Pantón”

A subida das augas do Miño polo encoro dos Peares anegou a fábrica da luz e os terreos limítrofes a finais do outubro de 1952. Aínda así, seguiu a subministrar electricidade aos seus abonados ata a primavera de 1954, empregando enerxía procedente do Salto das Conchas, na Baixa Limia, a través dunha caseta da Sociedade Xeral Galega de Electricidade (S.X.G.E.) que posuían en Canabal.

Coa subida do nivel da auga produciuse a retirada de toda a maquinaria da fábrica e outras pertenzas da mesma por medio de barcas. A maquinaria toda vendeuse en 1953 a José Pérez Mel e Damián López Ferreiría, que tiñan unha concesión no río Beloi no lugar do “Salto da Onza”, na parroquia do Pereiro no Concello de Alfoz.

Foto actual da Fábrica da Luz / SdP

Bibliografía:

-Arquivos da familia Enríquez Moure.

-Artigo de Flora Enríquez Rodríguez, “A Eléctrica de Pantón no Saviñao”.

-Lendas e tradicións da Ribeira Sacra Vilar de Ortexe Os Estraloxos.

ÚLTIMAS

Nacen as “Papeiras”, galletas elaboradas no obrador das ‘Xianas’ de Taboada

Dos creadores das Galletas Xianas de Taboada, xorden agora as galletas “Papeiras”. Unha aposta...

Monforte destina 30.000€ para axudas ao emprendemento e á creación de empresas

As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou por calquera dos medios...

Punto limpo móbil para eventos en Sober

O novo punto móbil para eventos, é un dispositivo adaptado de xeito específico para...

Este 25 de setembro preséntanse na Casa da Cultura de Quiroga os resultados de ‘Tecendo Memorias’

Tecendo Memorias naceu coa intención de recuperar, a través da reminiscencia, a memoria das...