Segundo Por Chantada, a pesares das boas intencións expostas na súa redacción actual o RD apenas favorece o intensivo e determinadas industrias.
Con respecto aos inxectores de xurros afirman que as disposicións son tan lesivas para a Galiza que isto sería o mal menor dentro das novidades que este traerá. E adiantan que “moito piores van ser as enormes obrigas burocráticas: análises de solos e materiais empregados, obrigatoriedade de asesoramento externo privado, caderno de fertilización, restricións ao amoreamento de esterco…” Medidas que van atinxir de cheo a todo o sector primario e que no caso de Chanta aseguran que se fai surrealista tentar aplicar estas medidas nunha orografía como a dos socalcos da Ribeira Sacra ao ser imposíbel amorear os estercos e enterralos nas catro horas seguintes á súa aplicación.
Segundo Por Chantada o real decreto non diferenza o esterco do xurro obviando que o primeiro ten menores perdas de amoníaco, maior contido de carbono orgánico e conserva mellor a estrutura do solo. “É unha aberración condenar aos mesmos controis e obrigas (análises, rexistros, sistemas de aplicación, etc.) a unha pequena granxa ecolóxica que elabore esterco do que a unha macroexplotación de porcino sen terra.”
Por Chantada califica de barbaridade considerar o cultivo de especies forestais de crecemento rápido como superficie agraria útil. Outra novidade como é o asesoramento, obriga a pagarlle a un asesor en fertilización para estercar as fincas e fica a porta aberta a que os “asesores teñan relación con comercios agrícolas e empresas de fertilizantes favorecendo o negocio para unha minoría e a ruína da maioría.”
A realidade supera á ficción.
Un decreto que leva a palabra sustentábel no seu nome resulta que permite e incentiva o emprego de lodos de depuradora e outros refugallos da agroindustria, favorecendo que os microplásticos pasen á cadea trófica, segundo sinalan desde Por Chantada.
Os níveis de metais pesados máximos permitidos son obsoletos. Deberíase ter en conta a revisión á baixa que xa fixeron destes valores varias CCAA. Outro aspecto a pór en destaque é que a base de dados do Ministerio para calcular as emisións do sector vacún de leite está errada e non cumpre as directrices metodolóxicas internacionais, “o cal é especialmente grave e lesivo para a Galiza.”
Con estes antecedentes desde Por Chantada defenden:
- Aplicar medidas de discriminación positiva para a produción ecolóxica e as pequenas e medianas granxas familiares e os proxectos agrarios biodiversos.
- Excepcións no RD para as granxas de pequeno tamaño que practiquen a agricultura sustentábel e que empreguen métodos de aplicación tradicional dos estercos ou que estexan en zonas de alto valor natural ou que sigan prácticas agroecolóxicas en todo o seu conxunto.
- Normas máis estritas para as granxas sen terra, restricións severas ao uso de lodos de depuradora e refugallos industriais e a consideración como SAU apenas das parcelas destinadas á alimentación humana e animal, nunca o eucalipto.