O Paseo dos Loureiros ten o seu inicio subindo pola rúa Real, á altura do restaurante o Grelo, e descende pola ladeira ata saír á rúa Doutor Casares, nas proximidades da rúa Costa da Pena e do instituto Daviña Rey, sendo unha senda con chan de lousa e que conta con treitos chans e en escaleira.
As obras de mellora consistiron na instalación de 17 novas luminarias de tecnoloxía LED, soportadas por 17 postes troncocónicos de 4 metros, e na renovación da totalidade do cableado eléctrico.
Esta actuación de mellora, supuxo unha inversión de 23.595 euros que contou co apoio da Deputación de Lugo, grazas o convenio asinado entre o seu Presidente, José Tomé Roca, e a 1ª Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, polo que o 86,7% do orzamento, 20.466,40 €, foi achegado polo ente provincial, mentres que o Concello de Monforte aportou 3.128,60, o 13,3%.
O Alcalde recordou que na mesma liña “abordamos recentemente a mellora da rúa Costa da Pena, en concreto o seu pavimento en dous tramos concretos, na confluencia coa rúa Doutor Casares ata o atrio da igrexa da Régoa, mellora que contribúe, xunto con esta nova iluminación no Paseo dos Loureiros, á potenciación dunha zona ubicada en pleno casco histórico da cidade, proporcionando uns mellores servizos os seus veciños e veciñas, e tamén ás persoas que nos visitan”.
Para levar a cabo a mellora do alumeado do Paseo dos Loureiros, dado que os seu emprazamento sitúase no casco histórico da cidade, o Concello xestionou e obtivo os correspondentes permisos con Patrimonio.
O Alcalde monfortino destacou “dende o Equipo de Goberno detectamos que debido a esta deficiente iluminación, a zona do Paseo dos Loureiros deixou de ser transitada a certas horas do día, motivo polo cal consideramos necesaria esta obra de mellora, para dotala dunha iluminación moderna e axeitada que permitira pasear pola mesma con todas as garantías”.
O obxectivo que o Concello buscou con este proxecto de mellora foi dobre. Dunha banda, mellorar a eficiencia e o aforro enerxéticos, así como diminuír de maneira significativa as emisións de gases de efecto invernadoiro. E doutra banda, limitar o resplandor luminoso nocturno, é dicir, a contaminación lumínica, así como reducir a chamada “ luz intrusa ou molesta”.
Tamén se procedeu a renovar por completo a totalidade do cableado eléctrico do sistema de iluminación desta senda peonil, para evitar cortes debidos á humidade.