HomeMedio ambiente e Patrimonio‘O barqueiro dos ríos’, o proxecto que pon en valor os nosos...

‘O barqueiro dos ríos’, o proxecto que pon en valor os nosos ríos

A proposta do narrador chantadino Anxo Moure, impulsada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, chegou a uns 2.500 nenos e nenas de centros educativos das provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra.

Publicado o

- Advertisement -

‘O barqueiro dos ríos’ é unha proposta de coñecemento e posta en valor dos leitos fluviais da conta Miño-Sil para preservar a súa biodiversidade e promover o seu coidado entre a poboación escolar.

Nas sesións divulgativas, o narrador e ‘pescador de contos’ Pipo Papeiro, encarnado por Anxo Moure, empregou tres barcas tradicionais a escala e con rodas: 1 batuxo -barca tradicional do Miño na Terra Chá, Lugo e Portomarín, 1 barca de paso ou da pousa das terras de Chantada a Ribadavia e 1 Gamela guardesa barca que enlaza o río co mar.

O proxecto parte dunha idea de Anxo Moure, coñecido polo seu activismo ecoloxista, a defensa dos valores e a lingua galega, e contou coa colaboración da ilustradora chantadina Cristina Ouro, creadora das ilustracións que representan o protagonista, as embarcacións e os mapas de Galicia da conca Miño-Sil.

Pipo Papeiro. Ilustración de Cristina Ouro

Trátase dunha proposta divertida, pedagóxica e sobre todo de motivación para o coñecemento dos nosos ríos, que por próximos resultan moi descoñecidos, segundo nos explica Anxo Moure tras a experiencia desta iniciativa que se desenvolveu este ano, nos meses que foi posible, claro. “Son poucas, por non dicir case ningún nena e/ou neno que coñece os leitos da súa contorna, o nacemento dos ríos, as barcas tradicionais…”, confesa Moure. E engade, “incluso atopei casos de pais e nais de Monforte que non saben onde nace o Cabe, por poñerche algún exemplo”.

Tras esta primeira viaxe, “O barqueiro dos ríos” chegou a máis de 2.500 nenas e nenos e realizáronse 60 actuacións en 16 concellos. Un balance moi satisfactorio para este proxecto que empezou no CEIP Colexio Novo de Monforte e que rematou no CEIP A Cruz Budiño na contorna do humidal das Gándaras de Budiño. Un final que non é tal para Anxo Moure, que di “facemos un alto coma os paxaros para, agardamos, retomar viaxe no 2021”.

O BARQUEIRO DOS RÍOS

O proxecto, financiado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), comezou a finais de xaneiro deste 2020 chegando a máis de 2500 nenos e nenas, pasou polas provincias de Ourense Lugo e Pontevedra, e chegou a 16 concellos da Demarcación do Miño-Sil. Aínda que non se puido ir a todas as escolas por mor da Covid19, estase xa programando unha segunda edición para o vindeiro ano sempre que a situación sanitaria o permita.,

O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, comentaba días atrás que o obxectivo acadado cos contos e historias sobre educación ambiental foi a aproximación dos cativos e cativas ao río e ao medio natural que os rodea, fomentando tamén actitudes respectuosas co consumo de auga.

Cartel da actividade. Ilustración de Cristina Ouro.

ÚLTIMAS

Roberto Castro: “A xente vén pola cereixa e quédase e repite porque lles gusta tamén a zona da praia fluvial”

A festa terá lugar na praia fluvial de San Clodio e contará coa participación...

Os premios literarios Xosé de Arxeriz entregaranse o 12 de xuño

O I Certame Literario Xosé de Arxeriz, dirixido ao alumnado do último ciclo de...

Chantada divulga os seus recursos turísticos en Festur ata o 7 de xuño

Ata o 7 de xuño, Silleda é unha vez máis o punto de encontro...

20 alumnos fórmanse no obradoiro de emprego Os Soutos II que comparten Láncara, Paradela e Samos

A Xunta destina 454.500 euros a financiar o obradoiro dual de emprego Os Soutos...