HomeEn profundidadeNegocios que empezaron coa pandemia e manteñen o tipo un ano despois

Negocios que empezaron coa pandemia e manteñen o tipo un ano despois

Este é o caso de Automecánica Ribeira Sacra, un taller que abriu Iván López, un rapaz formado en mecánica no IES Daviña Rey e con experiencia profesional forxada en talleres de Rubián, Sarria e Monforte.

Publicado o

- Advertisement -

Visitamos a Iván López, orixinario de Rubián e residente en Monforte dende hai xa 15 anos. Na cidade do Cabe estudou mecánica, concretamente no IES Daviña Rey, centro de formación do que ten moi bos recordos do seu director, dos profesores e dos compañeiros cos que coincidiu.

En canto á experiencia profesional, Iván refire que o seu primeiro traballo foi en Talleres Fernández, de Rubián, para continuar forxándose como mecánico en Talleres Quinte de Sarria -servizo oficial da Nissan-, e en Talleres Armajo de Monforte –servizo oficial da Mercedes-.

Polo que podemos deducir da conversa con el detectamos moi axiña que é botado para adiante, un apaixonado do motor e que tamén lle gusta moito o trato coa xente. Tendo unha boa formación e tamén experiencia de ter traballado en varios talleres, non é de estrañar que o momento de emprender tiña que chegar. E así foi. O 15 de febreiro do 2020 subía a persiana deAutomecánica Ribeira Sacra’, un taller que se atopa na estrada vella que vai de Monforte á Pobra do Brollón. Aínda cadrando a apertura coa pandemia Iván está contento, transmite optimismo e valora moi positivamente que siga tirando para adiante coa que está caendo.

Como che deu por montar un taller mecánico?

Pois tras varios anos traballando en talleres e un pequeno paréntese neste oficio, decidín coller un local cun amigo e montar o meu propio negocio.

Comezaches o 15 de febreiro do ano pasado, e un mes máis tarde chegou o confinamento. Que pensaches?

Pois pensei ‘ou se funde isto ou saio reforzado’. Tomeino con optimismo, e visto o panorama decidín aproveitar para madurar máis o proxecto. Puiden ter aberto, porque o meu traballo considerábase dos esenciais, pero preferín afianzar temas de loxística.

“Pensei, ou se funde isto ou saio reforzado”

Dedicácheste, como din os vellos, a “afiar a ferramenta”?

Algo así (risas). Seguín estudando na planificación de ofertas, buscando provedores, rompéndome a cabeza para ver como podía conseguir mellores prezos para o cliente…

E cando abriches ‘de segundas’?

Pasada a corentena. E dende ese momento traballando a tope.

Cal dirías que é o punto diferencial do teu taller?

Sen dúbida a relación calidade-prezo. Partindo de materiais e pezas de primeira calidade busco ofrecer o mellor prezo posible ao cliente. A miña filosofía é “menos é máis”.

“Teño moitos provedores de fóra pero contando principalmente cos da zona, todo hai que dicilo”

E como se conseguen bos prezos na materia prima, nos recambios?

Non é doado, hai moita competencia. Na corentena e xa antes pasei moitas horas, e aínda as paso, buscando provedores a nivel nacional e tamén internacional para conseguir pezas de calidade e poder ofrecer bos prezos no servizo final. Teño moitos provedores de fóra pero contando principalmente cos da zona, todo hai que dicilo.

Como levas a xestión do negocio coa pandemia?

Pois non me queixo. Ao ser un taller pequeno, e non podendo acumular xente nin coches, foime moi ben o de dar cita previa pois evitei contactos de xente gañando en seguridade sanitaria e tamén na organización do meu traballo.

Como chegaron os primeiros clientes?

Tiven moitos coñecidos e clientes de talleres nos que os atendín eu como empregado. Outros boca a boca e tamén me sorprendeu que tiven moita xente nova, que non coñecía de antes. Aproveito para agradecerlles a todos que sigan dándonos traballo, que confíen no servizo e que veñan aos talleres mecánicos sen medo.

“Tamén me sorprendeu que tiven moita xente nova, xente que non coñecía de antes”

É moita a paixón que tes polo motor, non si?

Gústanme os coches ‘a muerte’, e os motores en xeral. Tamén teño experiencia en asistencia de Rallys. Traballei varios anos nun equipo que incluso foi camión galego.

Ademais da profesionalidade na mecánica, que máis valoras do teu oficio?

A profesionalidade e seriedade, a limpeza e o orde e a capacidade resolutiva. Gústame ter o taller ordenado e limpo dentro do posible e tamén dar respostas e solución aos clientes.

“Gústanme os coches ‘a muerte’, e os motores en xeral”

E no trato ao público?

Pois tamén… creo que é moi importante a atención persoal ao cliente e ser resolutivos no traballo, ter capacidade de resposta. Non me gusta adiar o traballo nin incumprir os compromisos.

Dicíasme ao principio que che gustaba o trato ao público. Supoño que axuda tamén a fidelizar clientes?

É certo, gústame o trato coa xente e en moitos negocios nos que traballei os clientes xa viñan directamente onde min. Ademais de ser bo mecánico supoño que lles caía ben (risas).

Plans para o 2021?

Valoro ampliar o taller, e se a evolución é favorable igual contratar a unha ou dúas persoas.

Automecánica Ribeira Sacra está centrado na mecánica en xeral, no mantemento  -cambio de aceite, pastillas, etc- e na diagnose. Atópase na Rúa Ramón del Valle Inclán, 121, Baixo en Monforte de Lemos.

ÚLTIMAS

O Quiroga Trail Challenge ‘reinvéntase’

Despois dun agosto fatídico para parte das montañas do Concello de Quiroga por mor...

A Xunta resposta a Tomé sobre a acollida de migrantes no centro de Monforte: “Se demostrou ser solidario debería dar as grazas”

A conselleira de Política Social, Fabiola García, replicou ao alcalde de Monforte e presidente...

Monforte prepárase para o San Mateo

A mesa de seguridade para a celebración do San Mateo estableceu tamén a circulación...