HomesociedadeAs queixas do transporte escolar no Courel chegan á Comisión de Peticións...

As queixas do transporte escolar no Courel chegan á Comisión de Peticións europea

A ANPA do CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel presentou unha denuncia contra a Consellería de Cultura, Educación e Universidades ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, polo modelo de contratación exposto para o servizo de transporte escolar na comarca.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O escrito presentado está asinado tanto pola ANPA como polos taxistas que se atopan realizando o servizo de transporte dos escolares, ademais de representantes de ‘Courel Vivo’ e do BNG.

Os asinantes defenden que o sistema existente ata agora, prestado por diversos taxistas do municipio, “garante a cohesión socioeconómica xa que ademais de prestar o servizo de accesibilidade a escolares, contribúe a fomentar o emprego na zona” e “reduce o tempo de traslado”.

“A cuestión de fondo é a necesidade de servizos nas zonas de montaña que debe ser garantida polas diversas administracións públicas a través de políticas inclusivas de cohesión territorial”, trasladan.

VULNERACIÓN DA NORMATIVA

Aseguran que o modelo proposto pola Xunta para as bases de licitación do servizo para a súa zona supón unha “vulneración de normativa” comunitaria.

A ANPA sinala que o modelo infrinxe unha resolución do Parlamento Europeo, do 3 de outubro de 2018, sobre a resposta ás necesidades específicas das zonas rurais, montañosas e periféricas da UE, ademais do regulamento polo que se establecen normas comúns para os transportes internacionais de viaxeiros efectuados con autocares e autobuses.

En concreto, refírense aos artigos sobre transportes regulares especializados, incluíndo entre o domicilio e o centro de ensino de escolares; e o que posibilita a denegación da solicitude de autorización de transporte se se comproba que o servizo obxecto da solicitude podería comprometer directamente a existencia de servizos regulares que xa foron autorizados.

“Consideramos que, segundo están as bases de licitación do transporte escolar antes mencionadas, á devandita convocatoria non se lles permite concorrer aos actuais adxudicatarios do transporte escolar, todos eles taxistas autónomos locais con vehículos de 9 prazas adecuados ás estradas e rutas da zona, o que comprometería directamente a viabilidade económica dos seus negocios, vulnerando así o citado Regulamento Europeo e o obxectivo da cohesión social e económica”.

Lembran que a contratación se beneficia de fondos FEDER para o seu cofinanciamento e apelan ao articulado deste regulamento para denunciar que “tería como consecuencia a perda de emprego na zona”, así como un “empeoramento do servizo para os usuarios”. Nestes días a Anpa do Cpi de Navia de Suarna iniciou unha recollida de firmas coas mesmas reivindicacións que o colexio do Courel. 

PROCESO SUSPENDIDO

A Consellería de Educación, pola súa banda, anunciara a comezos de xaneiro a suspensión do prazo de presentación de ofertas dos novos contratos do transporte escolar, co fin de verificar erros detectados polos interesados no proceso e estudar correccións e alternativas ao modelo.

ÚLTIMAS

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...

Máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias de Monforte

A formación ofertada tiña por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do...

Juan Bouzo, o Caldelao que chega aos 104 anos

Juan Bouzo, un veciño de Castro Caldelas que alcanzou a idade de 104 anos,...