HomeEn profundidadeA máscara, un atranco comunicativo para xente con xordeira

A máscara, un atranco comunicativo para xente con xordeira

“Cústanos escoitar xa que a voz tropeza coa máscara e distorsiónase”, dinos José Bernardo Losada. Coñecemos a súa experiencia como implantado coclear.

Publicado o

- Advertisement -

Este xoves, 25 de febreiro, foi o ‘Día Internacional do Implante Coclear’ e soubemos que a Federación AICE -Federación de Asociacións de Implantados Cocleares de España- escolleu a máscara como símbolo deste ano para conmemorar esta data. Para iso deseñaron e repartiron 30.000 máscaras comunicativas -permiten ver a boca- como solución provisional ao problema que lle supón aos implantados non poder apoiarse na información que facilitan a cara e os beizos.

A xente con xordeira en xeral e os implantados/as cocleares en particular, dependendo dos niveis de audición, atópanse que coa máscara cústalles máis escoitar á xente. “Cústanos escoitar xa que a voz tropeza coa máscara e distorsiónase. É como se lle pos a un micro unha cartolina diante, non soa igual”, dinos José Bernardo Losada, un quirogués que grazas a un implante recuperou a audición que perdera con dezasete anos.

Os implantes cocleares son uns pequenos dispositivos electrónicos de alta tecnoloxía que lles permiten ás persoas xordas de nacemento ou que perderon audición cos anos por algunha enfermidade ou accidente, recuperar a súa capacidade para oír e levar unha vida normal.

Falamos con José Bernardo, veciño da Enciñeira, no Concello de Quiroga.

Cando perdiches a audición e por que?  

Perdín a audición total con dezasete anos, do día para a mañá. Antes xa perdera un oído, pero co sonotone -audífono- íame ben. Os médicos achacaron a perda do oído dereito á vacina das paperas, e a perda de audición total aos dezasete anos á xenética. Un xen que tiña marcada a perda de audición… ou iso me explicaron.

“Perdín a audición total con dezasete anos, do día para a mañá”

Como foi a reacción dos teus pais e a túa propia?

Foi un duro pau. Eu creo que foi máis duro para os meus pais que para min. Máis aínda xa que eu son moi cabezón e non quixen ir a logopedas nin a linguaxe de signos. Afíxenme a aprender na casa a base de sentar a meus pais fronte a min e repetir unha e outra vez. Creo que lles teño que estar moi agradecido por non renderse comigo e aguantarme, tamén me serviu para apreciar cando a alguén lle falta algo na vida o duro que é superarse a un mesmo. E ver o atrasada que vai a sociedade e a xente para moitas cousas, só lles dan aprecio cando lles pasa a eles ou a familiares seus e non é así.

Como levaches esta incapacidade auditiva antes de poñer o implante coclear?

Custoume moito, primeiro asimilar que xamais volvería oír, xa que cando a perdín en España non se sabía nada deles. Despois asimilar o rexeitamento da sociedade, porque como non oias non te consideraban válido. E non era así, si que o era pero ata tal punto chegaba que cría que non servía para nada. Despois chegou a fase de superación e motivación, xunto coa de aceptación. É difícil pero se o tentas, vas mellorando; e se o cres, conséguelo. E a min, a cabezón ninguén me gana (risas).

“Despois chegou a fase de superación e motivación, xunto coa de aceptación…”

Cando tiveches acceso a este dispositivo electrónico? 

Con 23 anos. Hai aproximadamente 22 anos que empezaron a facerse en Galicia os implantes cocleares, antes só se facían en Navarra e en Cataluña. Teño que estar agradecido a dous grandes doutores -en paz descansen-, ao Dr. Cabanas, de Ourense, e ao Dr. Espiña, de Vigo. O primeiro foi o que me aconsellou o do implante coclear, que daquelas era novidade aquí como che dixen. O segundo foi quen me operou. Despois tamén eternamente agradecido a Conchita Piñeiro de Vigo con quen fixen a rehabilitación.

“Hai aproximadamente 22 anos que empezaron a facerse en Galicia os implantes cocleares”

Cónstanos que tanto o implante como o mantemento supón un gasto importante. Cóntanos.

Tanto implante como mantemento e operación supoñen grandes custos… tras moverme e aconsellarme con moita xente, correu a cargo da Seguridade Social. Non sei agora, pero daquela custárame moito arranxar todo para ter a cobertura médica na intervención para poñer o implante.

E no que respecta ao mantemento o custo é grande e corre á conta dun. Cables, fibra óptica, imáns, baterías, cargadores, etc.

Levas o mesmo implante dende o principio?

Por sorte non tiven que volver operarme, vaime ben, o único que tiven que cambiar o implante hai pouco porque o meu modelo quedaba xa obsoleto e non había pezas de recambio.

Tiveches que pagalo ti?

Adiantei eu o custe, importante por certo, pero ando en trámites para recuperar o importe do cambio.

José Bernardo no seu lugar de traballo como Auxiliar de Autopsias Xudiciais. Foto: J.B.

Explícanos como che cambiou a vida co implante coclear.

Cambioume para ben, véxome día a día facendo vida normal. Con dicirche que quitei laboratorio de diagnóstico clínico, tamén laboratorio de anatomía patolóxica e citoloxía; traballei como técnico de laboratorio en diferentes hospitais de Galicia e Castela e León; tamén como peón forestal e en obras públicas e estradas; e agora estou a traballar no Instituto de Medicina Legal e Forense de Galicia como Auxiliar de Autopsias Xudiciais… Co cal, considero que son unha persoa apta como as demais e iso intento demostrar, que non por ter unha minusvalía son menos ou máis ca ninguén.

“Véxome día a día facendo vida normal”

Dende a creación deste tipo de implantes houbo algunha mellora ou avance? 

Si, están a mellorar ano tras ano. Antes eran máis grandes, máis robustos. Van parellos á informática e á tecnoloxía, xa que son microprocesadores de datos. As baterías melloraron moitísimo tamén, non só que sexan máis pequenas, se non na duración, antes só duraban de 4 a 6 horas, agora coa batería duran 24 horas, están en continua evolución.

E xa para rematar, que dificultades atopas agora que a máscara é un complemento indispensable?

Cústanos escoitar xa que a voz tropeza coa máscara e distorsiónase. É como se lle pos a un micro unha cartolina diante, non soa igual.

ÚLTIMAS

Preséntase o proxecto para a urbanización da Zona D

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada,...

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...

Xa se poden pedir permisos de queimas dende o móbil

Os usuarios e usuarias da aplicación móbil XuntaEu que seleccionen o botón “Contacta coa...